Un orzamento de 7,9 millóns impulsa o salto investidor e o crecemento económico en Curtis

ACoruñaXa
O Pleno aprobou inicialmente as contas de 2026 co voto a favor do PP e a abstención do BNG, nun documento que medra un 23% e dispara un 122% os investimentos reais
CURTIS pleno marzo 2026
5 Mar 2026

O Concello de Curtis deu un paso clave para o exercicio vindeiro coa aprobación inicial do Orzamento Xeral de 2026, un plan económico que ascende a 7.905.715,57 euros. A proposta saíu adiante nun Pleno con debate sobre o modelo de desenvolvemento municipal, grazas aos votos favorables do equipo de goberno (PP) e á abstención do BNG.

As novas contas supoñen un incremento de case millón e medio de euros, un 23,05% máis ca no ano anterior, e sitúan o foco nunha subida histórica dos investimentos reais, que medran un 122,44%. O goberno local defendeu que se trata dun documento baseado nunha xestión 'eficiente e equilibrada', axustada ás regras fiscais, e destacou o traballo do persoal municipal e o diálogo previo cos sindicatos para encaixar as prioridades da veciñanza.

Entre os piares do orzamento figura tamén o reforzo do gasto corrente, que sobe un 10,89% para garantir servizos básicos, atención social e accións de apoio ao comercio e á actividade cultural. A dimensión social é unha das partidas destacadas: máis de 1,5 millóns de euros, o 17,22% do total, destínanse a Protección e Promoción Social. Cultura e museos contarán con máis de 421.000 euros, mentres que o deporte e as instalacións deportivas rozan os 660.000 euros.

No capítulo de ingresos, o Concello apunta ao Polígono Industrial de Teixeiro como principal motor da mellora recadatoria. A previsión de impostos indirectos aumenta máis dun 157% pola tramitación de novas licenzas, ao tempo que as transferencias de capital soben un 134,89%, unha subida que o executivo local atribúe á capacidade de captar fondos doutras administracións para poñer proxectos en marcha.

Outra das liñas estratéxicas será a promoción económica do comercio local e da hostalaría, con especial atención ás feiras mensuais de Teixeiro. O obxectivo é profesionalizar estas citas para convertelas en referentes, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación, e reforzar así o seu atractivo turístico e comercial.

Tras a aprobación inicial, o documento abre agora o período de exposición pública. O alcalde concluíu que 'Curtis precisa seguir medrando sen deixar a ninguén de lado' e definiu o orzamento como a ferramenta para ser ambiciosos sen perder de vista a responsabilidade no uso do diñeiro público.

0.11743593215942