Un obradoiro ensinará a observar e fotografar eclipses no Liceo

Betanzos acollerá este venres, 29 de maio, unha charla-obradoiro sobre observación e fotografía de eclipses, unha actividade pensada para todas aquelas persoas interesadas na astronomía, na fotografía do ceo e na preparación de fenómenos astronómicos singulares. A sesión celebrarase ás 19.30 horas no Salón Azul do edificio Liceo, con entrada gratuíta ata completar aforo.
A actividade será impartida por Óscar Blanco, divulgador e experto en astrofotografía, cunha ampla traxectoria na observación de eclipses e outros fenómenos celestes. Blanco é director do Centro Astronómico Trevinca, na Veiga, e ten participado en expedicións para observar eclipses totais de Sol en diferentes puntos do mundo.
O encontro permitirá achegarse ás técnicas básicas para observar un eclipse con seguridade e para fotografalo correctamente. A charla abordará cuestións relacionadas coa planificación previa, a elección do lugar, o equipamento recomendable, os filtros de protección, os tempos de exposición e os erros máis habituais cando se intenta captar este tipo de fenómenos.
A convocatoria chega nun momento de crecente interese pola astronomía en Galicia pola proximidade do eclipse total de Sol do 12 de agosto de 2026. Segundo a información do Instituto Geográfico Nacional, este fenómeno será visible como total en boa parte da metade norte peninsular e Galicia será o primeiro territorio no que poderá observarse. Na Coruña, o eclipse comezará ás 19.31 horas, acadará o seu máximo ás 20.28 horas e rematará ás 21.22 horas, cunha totalidade duns 76 segundos.
A importancia da seguridade será un dos puntos centrais da formación. Durante as fases parciais dun eclipse solar non se debe mirar directamente ao Sol sen protección homologada, mentres que a observación sen filtros só é posible durante a fase de totalidade e unicamente desde as zonas nas que o eclipse é total.
Coa charla do venres, Betanzos súmase ás actividades divulgativas que están a medrar arredor deste fenómeno astronómico. A proposta busca combinar coñecemento científico, práctica fotográfica e divulgación accesible, nun formato aberto á cidadanía e pensado tanto para afeccionados como para persoas que queiran iniciarse na observación do ceo.