Un novo vertido ilegal en O Burgo obriga a actuar ao Concello de Culleredo

O Concello de Culleredo retirou un novo vertido ilegal localizado na avenida de Ribados, en O Burgo, xunto a unha zona de colectores de lixo. O depósito estaba formado por caixas, bolsas, maletas e outros residuos de diferentes características, polo que todo apunta a que podería proceder da limpeza dun inmoble.
O Goberno local decidiu retirar os materiais e adecentar a zona por razóns de salubridade e para reducir as molestias á veciñanza. O executivo municipal cualifica o ocorrido como un 'lamentable episodio de falta de civismo' que prexudica ao conxunto da cidadanía.
As forzas de seguridade investigan agora a autoría deste novo vertido, que se suma a outros episodios detectados nos últimos meses no municipio e que xa derivaron en identificacións e denuncias. Desde o Concello lembran que esta non é a primeira vez que se producen feitos similares na avenida de Ribados, malia contar a zona con varios colectores.
O Goberno municipal asegura que manterá a vixilancia e pide colaboración cidadá para localizar puntos conflitivos e identificar ás persoas responsables destes depósitos ilegais.
O Concello lembra tamén que existe un servizo gratuíto de recollida a domicilio de mobles e enseres a través do Consorcio As Mariñas, que pode solicitarse no teléfono 981 795 524. Ademais, estes residuos poden depositarse de balde no punto limpo de Sésamo.