Un novo servizo de bicicletas eléctricas impulsará a mobilidade sostible en Betanzos

O Concello de Betanzos acaba de sacar a contratación o novo servizo público de alugueiro de bicicletas eléctricas, unha iniciativa coa que busca avanzar cara a un modelo de mobilidade máis sostible, saudable e adaptado tanto á veciñanza como ás persoas que visitan a cidade.
A actuación forma parte do Plan de Sostibilidade Turística en Destino 'Casco Histórico de Betanzos' e está enmarcada no eixo de mellora da eficiencia enerxética. O contrato inclúe o subministro das bicicletas, a instalación das estacións de recarga e estacionamento e a posta en marcha dun sistema intelixente para xestionar o servizo municipal.
O investimento previsto ascende a 50.993 euros, IVE incluído. O proxecto contempla inicialmente un mínimo de seis bicicletas eléctricas de uso compartido, deseñadas para desprazamentos urbanos e preparadas para un uso continuado. Os vehículos contarán con asistencia ao pedaleo, xeolocalización, bloqueo electrónico, iluminación integrada e tecnoloxía de monitorización en tempo real.
Tamén se instalarán polo menos dúas estacións de recarga e estacionamento, con capacidade mínima para seis bicicletas cada unha. As localizacións previstas inicialmente son o Parque da Travesa, no casco histórico, e a praza dos Irmáns García Naveira, aínda que a súa ubicación definitiva dependerá de criterios de accesibilidade, seguridade e conexión co resto da trama urbana.
O novo servizo permitirá conectar diferentes puntos do casco histórico con outros espazos do municipio, prestando especial atención aos percorridos vencellados ás rutas temáticas e aos recursos turísticos de Betanzos. O obxectivo é facilitar desprazamentos máis cómodos e respectuosos co medio ambiente, ao tempo que se reduce o uso de vehículos a motor.
A iniciativa tamén busca mellorar a dixitalización dos servizos turísticos e crear unha oferta complementaria para coñecer o municipio durante todo o ano. O sistema permitirá consultar en tempo real a dispoñibilidade das bicicletas, o estado de carga das baterías e a operatividade das estacións, co fin de ofrecer unha experiencia sinxela, segura e eficiente ás persoas usuarias.