Un novo paseo abrirá á veciñanza o bordo litoral da Pasaxe

ACoruñaXa
A actuación permitirá estrear 470 metros de itinerario peonil e carril bici xunto á ría do Burgo, cun investimento estatal de máis de 809.000 euros
A CORUÑA paseo pasaxe
21 May 2026

A fachada marítima da Coruña continúa a gañar espazo público nun momento especialmente simbólico para a ría do Burgo, cuxa recuperación ambiental vén de ser recoñecida co XIV Premio San Telmo á mellor obra de enxeñaría galega dos anos 2024 e 2025. O galardón distingue o dragado ambiental impulsado polo MITECO, unha actuación de máis de 40 millóns de euros que permitiu retirar sedimentos contaminados acumulados durante décadas e avanzar na rexeneración ecolóxica deste espazo litoral.

Nese contexto de recuperación da ría, as obras en marcha no bordo litoral da Pasaxe, na contorna da conxeladora coruñesa, permitirán incorporar un novo treito de paseo marítimo de 470 metros. A actuación está pensada para mellorar a conexión peonil e ciclista nesta entrada da cidade e para abrir á veciñanza unha franxa costeira ata agora pouco aproveitada.

O proxecto contempla un itinerario para camiñantes de tres metros de ancho e un carril bici tamén de tres metros, con pavimentos diferenciados para ordenar os usos e facilitar unha circulación máis cómoda e segura. A intervención incluirá ademais a renovación de servizos urbanos e a instalación de iluminación eficiente, reforzando a transformación deste ámbito nun novo espazo de tránsito, lecer e relación coa ría.

O novo tramo quedará conectado co paseo de Culleredo bordeando a ría do Burgo, o que permitirá avanzar nun percorrido litoral continuo entre municipios. Esta mellora encaixa nunha planificación máis ampla para reforzar a conexión entre A Coruña e a ría, coa vista posta nunha futura senda costeira que poida unir a praia de Oza co paseo do Burgo.

A obra da Pasaxe conta cun investimento superior aos 809.000 euros e súmase ao proceso de rexeneración iniciado co dragado ambiental, que incluíu a retirada selectiva de materiais contaminados, o seu tratamento e confinamento seguro, así como actuacións para favorecer a recuperación dos bancos marisqueiros, os ecosistemas asociados e zonas de uso público.

Co novo paseo, o bordo costeiro entre As Xubias e A Pasaxe dá outro paso na súa transformación. A cidade gañará máis espazo para pasear, desprazarse en bicicleta e desfrutar dunha contorna que, tras anos de deterioración, recupera protagonismo ambiental, paisaxístico e social dentro da área metropolitana.

0.11817383766174