Un novo itinerario peonil conectará a praia de Gandarío con Moruxo

O Concello de Bergondo iniciou esta semana as obras para prolongar o itinerario peonil entre o aparcadoiro da praia de Gandarío e Moruxo. O proxecto, elixido nos Orzamentos Participativos municipais de 2026, conta cun orzamento de 99.851,21 euros e busca mellorar a seguridade dos peóns nesta zona.
A intervención contempla o acondicionamento da marxe esquerda da estrada municipal de Gandarío, co obxectivo de conectar as beirarrúas existentes en Moruxo co acceso ao aparcadoiro da praia. Ademais, o novo tramo enlazará co itinerario peonil que comunica co areal.
Os traballos tamén inclúen a instalación dunha nova rede de recollida de augas pluviais, que substituirá as actuais cunetas de terra. Así mesmo, colocaranse pivotes para evitar o estacionamento indebido de vehículos.
Unha renovación integral do paseo de Gandarío
Esta actuación súmase ao proxecto para renovar por completo o paseo da praia de Gandarío, que se atopa en fase de contratación e conta cun orzamento de 514.998 euros.
A obra estará cofinanciada a través do Plan Único da Deputación da Coruña e incluirá, entre outras melloras, a substitución da actual pasarela de madeira por unha estrutura de obra pavimentada con baldosa hidráulica, unha solución que busca incrementar a súa durabilidade.