Un novo folleto visibiliza as vidas dos coruñeses represaliados polo nazismo

O Concello presentou unha guía centrada nas historias dos coruñeses deportados aos campos de concentración nazis, un novo material divulgativo que pretende facer máis accesible a memoria das vítimas a través dun itinerario urbano. A publicación, elaborada en colaboración coa Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), recolle un roteiro polas once Stolpersteine colocadas na cidade fronte ás casas natais dos deportados e achega contexto histórico e biográfico de cada caso.
Durante o acto, o concelleiro de Cultura, Turismo e Memoria Histórica, Gonzalo Castro, defendeu que a memoria democrática debe ser ‘unha ferramenta activa’ para formar unha cidadanía crítica e comprometida, e situou esta iniciativa no compromiso municipal coa verdade, a xustiza e a reparación. No encontro participaron tamén a voceira da ARMH, Carmen Rodeja, o investigador David Lozano e familiares das vítimas.
A guía intégrase nunha liña de traballo máis ampla que busca inserir a memoria histórica nas políticas culturais, educativas e tamén turísticas. A Coruña foi a primeira cidade galega en sumarse ao proxecto das Stolpersteine, pequenas lousas con placa metálica concibidas para lembrar persoas perseguidas polo nazismo e situadas, habitualmente, diante dos lugares vinculados ás vítimas.
A xornada de hoxe coincide, ademais, co Día Internacional de Conmemoración en Memoria das Vítimas do Holocausto (27 de xaneiro), e incluirá unha reunión informativa ás 18.00 horas na Casa Museo Casares Quiroga, na que está prevista a presenza de familiares e especialistas.