Un novo espazo web reúne toda a información do Inventario de camiños e vías municipais

A veciñanza de Carral xa ten ao seu alcance un novo espazo na web oficial no que pode consultar toda a documentación relacionada co Inventario de camiños e vías municipais. A iniciativa busca facer máis doado o acceso a un expediente de especial relevancia para a ordenación do territorio e para o coñecemento da rede viaria local.
A posta en marcha desta ferramenta coincide coa aprobación inicial do inventario, publicada no Boletín Oficial da Provincia. Desde o 2 de abril ábrese un prazo de dous meses para que as persoas interesadas presenten alegacións e acheguen as consideracións que estimen oportunas.
A información poderá revisarse tanto a través do documento completo como mediante recursos dixitais habilitados para simplificar a consulta. Entre eles figuran un visor específico e unha ligazón para a descarga directa dos contidos.
Ademais da canle telemática, o inventario irá presentándose polas distintas parroquias, co obxectivo de achegar o proceso a todos os núcleos do municipio e facilitar que a revisión da documentación se faga dun xeito máis próximo e accesible.
Con esta medida, ábrese unha fase na que os residentes poderán comprobar con detalle o contido do inventario e trasladar posibles observacións antes da súa aprobación definitiva.