Un novo colector téxtil facilitará a reciclaxe solidaria en Coirós

O Concello de Coirós vén de reforzar o seu servizo de recollida selectiva coa instalación dun colector destinado ao material téxtil. A medida nace dun convenio asinado con Cáritas e ten como finalidade separar este tipo de residuos para favorecer o seu tratamento e un mellor aproveitamento dos recursos. O novo punto está situado na parte traseira do centro social.
A iniciativa permitirá á veciñanza depositar prendas e outros materiais téxtiles nun espazo específico, evitando que acaben mesturados co lixo común. Deste xeito, o Concello busca avanzar nun modelo máis responsable, no que a reutilización e a reciclaxe gañen peso dentro da xestión municipal de residuos.
A colocación deste colector súmase ás medidas que buscan reducir a cantidade de residuos que rematan no lixo común e fomentar hábitos máis sostibles entre a veciñanza. A recollida diferenciada do téxtil permite que moitas prendas poidan reutilizarse ou recibir un tratamento axeitado, contribuíndo a alongar a súa vida útil e a diminuír o impacto ambiental.
Cáritas conta con proxectos de xestión de roupa usada orientados á reutilización, á reciclaxe e á doazón social, cun compoñente tamén ligado á economía solidaria e á inserción laboral. A entidade lembra que este tipo de recollidas permiten dar unha segunda vida ás prendas e reducir o impacto ambiental dos residuos téxtiles.
Desde o Concello piden á cidadanía que faga un uso responsable do novo colector para garantir o bo funcionamento do servizo e facilitar que o material recollido poida ser tratado nas mellores condicións.