Un novo catamarán eléctrico impulsa os adestramentos e o compromiso ambiental do Club de Remo Olímpico do Mandeo

O Club de Remo Olímpico do Mandeo incorporou á súa frota un novo catamarán propulsado por un motor eléctrico, unha adquisición que permitirá mellorar o seguimento dos adestramentos e reforzar o compromiso da entidade coa protección do medio ambiente.
A embarcación foi adquirida grazas ás axudas concedidas polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur e está deseñada para desenvolver a súa actividade de maneira compatible coa conservación da ría, un espazo de especial valor ambiental.
O novo catamarán servirá como embarcación de apoio durante as sesións de adestramento dos deportistas do club e tamén poderá empregarse en actividades organizadas en colaboración con outras asociacións da contorna.
Desde a entidade destacan que o sistema de propulsión eléctrica elimina tanto a contaminación acústica como as emisións de fumes, convertendo esta incorporación nun paso máis dentro da estratexia do club para avanzar cara a unha actividade deportiva de impacto ambiental practicamente nulo.
O Club de Remo Olímpico do Mandeo leva anos promovendo entre os seus deportistas accións de sensibilización sobre a importancia da conservación do medio natural, unha liña de traballo que agora se reforza coa incorporación desta embarcación sostible.