Un monólogo e unha cea-baile pecharán as actividades culturais e deportivas en Paderne

O Concello de Paderne despedirá o curso 2025-2026 das actividades culturais e deportivas cunha xornada festiva que combinará humor, encontro veciñal e música. A clausura celebrarase o venres 5 de xuño e contará con dúas citas: un acto de peche na explanada do Centro de Saúde e unha cea-baile posterior no Caserío de Tión, en Coirós.
A primeira parte da celebración comezará ás 20.00 horas na explanada do Centro de Saúde. Neste acto está prevista a participación de Avelino González, que ofrecerá un monólogo para poñer o toque de humor a unha xornada pensada para reunir ás persoas participantes nas distintas actividades desenvolvidas ao longo do curso.
A programación continuará a partir das 22.00 horas co inicio da cea-baile no Caserío de Tión. A proposta servirá como punto de encontro para despedir a tempada nun ambiente festivo e compartido entre alumnado, familias e veciñanza vinculada ás actividades culturais e deportivas municipais.
O prezo da cea será de 35 euros por persoa. Desde a organización lembran tamén a necesidade de realizar o pagamento da segunda cota das actividades.
As persoas interesadas en participar deberán formalizar a súa inscrición antes deste mércores, 3 de xuño, último día habilitado para anotarse na clausura.