Un libro-xogo de Paula Merlán chega á Coruña para convidar a descubrir casas do mundo

A escritora e docente Paula Merlán presenta este venres, 29 de maio, na Coruña o seu novo libro infantil, 'Busca a miña casa', unha proposta participativa publicada pola editorial Cumio e ilustrada por Chus Rojo. A cita será ás 18.00 horas na libraría Galgo Azul, situada na avenida Gramela, 16, e incluirá un contacontos e un obradoiro vinculados á obra.
O libro está dirixido a nenos e nenas a partir de 7 anos e propón unha lectura diferente, baseada na observación, na dedución e no xogo. A través de pistas visuais e pequenos textos, os lectores deberán axudar a cada personaxe a atopar o seu fogar, relacionando persoas e casas situadas en distintos lugares do mundo.
Entre as vivendas que aparecen na obra figuran casas flotantes, fogares móbiles, construcións subterráneas ou edificios que medran cara ao ceo. Deste xeito, 'Busca a miña casa' achega aos máis pequenos á diversidade cultural e ás distintas formas de habitar o mundo, ao tempo que estimula a atención, a curiosidade e a imaxinación.
Un dos elementos máis chamativos do libro é o seu deseño en tapa dura troquelada, que separa personaxes e casas e converte a lectura nun pequeno reto interactivo. A proposta combina diversión e aprendizaxe nun formato intuitivo pensado para sorprender desde a primeira páxina.
A actividade de presentación terá unha duración aproximada dunha hora. A entrada será de balde, aínda que será necesario reservar praza previamente.
Paula Merlán é unha das voces destacadas da literatura infantil galega actual. Ao longo da súa traxectoria publicou numerosos álbums ilustrados e libros para primeiros lectores, con historias nas que adoitan estar presentes a emoción, a identidade, a diversidade e a mirada da infancia. A autora recibiu dúas medallas de ouro nos International Latino Book Awards, en 2018 e 2022, ademais dunha mención de honra en 2024.