Un investimento de 1,7 millóns de euros transformará o Campo Municipal do Redondo con novas bancadas e vestiarios

O Concello de Oleiros iniciará despois do verán unha importante actuación no Campo Municipal do Redondo, un proxecto que contará cun investimento de 1,7 millóns de euros para mellorar e modernizar esta instalación deportiva.
A intervención contempla a construción dunha nova bancada cuberta e a creación de novos vestiarios, co obxectivo de dotar o recinto dunhas infraestruturas máis modernas, cómodas e funcionais.
As obras permitirán mellorar as condicións de uso tanto para os xogadores e xogadoras como para os clubs que empregan habitualmente o campo, entre eles o Atlético Perillo e o Unión Campestre.
Con este investimento, o Concello de Oleiros continúa reforzando a súa aposta pola mellora da rede de instalacións deportivas municipais, favorecendo a práctica do deporte de base e ofrecendo espazos de maior calidade para a veciñanza.