Un investimento de 1,4 millóns mellorará a seguridade viaria en Tarrío, Ledoño e Orro

A rede viaria provincial ao seu paso por Culleredo contará este ano con tres actuacións destinadas a mellorar a seguridade viaria en Tarrío, Ledoño e Orro. Os proxectos, que suman un investimento total de 1,4 millóns de euros, atópanse na fase previa á súa aprobación e licitación.
A intervención máis destacada en Tarrío desenvolverase na DP-1705, nun ámbito especialmente sensible pola proximidade do CEIP, o polideportivo e o campo de fútbol. O proxecto, cun orzamento superior aos 384.000 euros, executarase en dúas fases.
A primeira permitirá habilitar un itinerario peonil accesible na contorna escolar, entre os puntos quilométricos 1,030 e 1,347. Neste treito instalaranse dous pasos de peóns elevados con iluminación específica e sinalización dinámica, ademais dunha limitación de velocidade a 30 quilómetros por hora. A nova beirarrúa será de formigón, incluirá rede de recollida de augas pluviais e reservará espazos para árbores e xardineiras.
A segunda fase actuará entre os puntos quilométricos 1,353 e 1,720, coa creación dun percorrido seguro para peóns desde a zona escolar ata o límite con Cambre. As obras incluirán a construción de beirarrúas nas dúas marxes da vía, a ampliación da calzada e a renovación do firme.
En Ledoño, a actuación prevista na DP-3109 suporá unha reforma integral da estrada ao seu paso polo núcleo. O plan contempla a renovación das beirarrúas, da calzada e dos servizos, cunha transformación do vial para dotalo dunha configuración máis urbana. O investimento roldará os 800.000 euros.
No caso de Souto, na parroquia de Orro, a intervención desenvolverase na DP-0510 e permitirá crear un espazo máis seguro para os peóns ata o límite co municipio de Arteixo. Esta obra contará cunha partida próxima aos 242.000 euros e dará continuidade ás melloras xa executadas noutro tramo desta mesma vía.
Coa execución destes tres proxectos, Culleredo reforzará a seguridade en varios puntos da súa rede viaria, especialmente en zonas con vivendas, tránsito peonil e equipamentos públicos.