Un histórico inmoble de Teixeiro converterase en espazo para novos servizos públicos

O Concello de Curtis incorporará ao patrimonio municipal unha ampla parcela situada no centro urbano de Teixeiro co obxectivo de crear novos servizos públicos para a veciñanza. O goberno local alcanzou un acordo cos propietarios do histórico restaurante Casa Miraz para adquirir a propiedade, que conta con 1.939 metros cadrados de superficie e tres edificacións que suman 811 metros cadrados construídos.
A operación atópase xa na súa fase final e está previsto que a compra se formalice legalmente nos vindeiros días. A adquisición permitirá ao Concello dispoñer dun emprazamento estratéxico no corazón da vila, nunha zona con capacidade para reforzar a actividade social e dinamizar a contorna urbana.
O proxecto municipal pasa pola rehabilitación integral do inmoble para convertelo nun espazo moderno, accesible e destinado a diferentes usos públicos. A intención do Concello é que as instalacións poidan acoller actividades culturais, accións formativas, servizos sociais e programas dirixidos á mocidade.
Con esta incorporación, o Concello de Curtis busca ampliar as dotacións públicas en Teixeiro e aproveitar un inmoble con valor histórico e urbano para dar resposta a novas necesidades da cidadanía. O goberno local enmarca a actuación nunha aposta polo desenvolvemento sustentable, pola recuperación de espazos xa existentes e polo reforzo dos servizos municipais.
A futura transformación da antiga Casa Miraz permitirá, segundo o Concello, reactivar unha parcela situada nun punto clave da capital municipal e poñela ao servizo do conxunto da veciñanza.