Un grupo de investigación da UDC recibe un premio pola súas investigacións sobre a epilepsia
Cada segundo luns de febreiro celébrase o Día Internacional da Epilepsia, promovido pola Federación Española de Epilepsia (FEDE). Este ano celebrouse o 12 de febreiro e estivo enfocado a educar e concienciar sobre esta enfermidade neurolóxica que sofren 65 millóns de persoas. Rodeando a esta efeméride, a FEDE organiza os premios Epiforward, que recoñecen a investigación da enfermidade, ademais de impartir diversas conferencias e sesións de traballo.
O grupo de investigación Neurociencia e Control Motor da Universidade da Coruña (NEUROcom) do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da UDC, coordinado polo profesor Juan Casto Rivadulla Fernández, fíxose co premio ao mellor proxecto de investigación básica en epilepsia Epiforward 2024.
O equipo de traballo observou, despois de anos de traballo en técnicas de neuromodulación, como eran capaces de reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro. Casto Rivadulla sabía que a epilepsia é un trastorno no que a orixe atópase nunha actividade anormalmente elevada de grupos de neuronas ou estruturas cerebrais completas, sendo o punto en común de todas elas a sobreactivación neuronal. Probaron a aplicar os seus campos magnéticos e obtiveron resultados sorprendentes, a actividade reducíase por enriba das expectativas, dando pé a unha nova liña de investigación básica nesta enfermidade.
O traballo desenvolvido busca aplicar os seus campos magnéticos de forma xeneralizada nas cabezas destes pacientes mediante o deseño dun casco que poida abordar varias áreas do cerebro á vez. Agora mesmo a dimensión dos aparellos para áreas concretas en humanos permítelles tratar todo o cranio en ratos con Dravet, pero xunto á Escola de EnxeñAría Industrial da Universidade de Vigo (UVigo) están a traballar no deseño dun casco que poderán usar na seguinte fase do proxecto con humanos. Neste caso, o paciente podería visitar a unha clínica de forma ambulatoria, aplicaríaselle o casco con campos magnéticos durante un tempo moderado e isto modularía a actividade cerebral que reduciría as crises, permitindo normalizar a vida destas persoas. O doutor RIVADULLA apunta que o desexable é que nun futuro este tratamento puidese aplicarse na casa ou directamente con implantes.
“O primeiro que cómpre aclarar é o propio concepto da enfermidade” - sinala Rivadulla -. “Entendemos este trastorno en singular coma se cada caso tivese un mesmo orixe e forma de manifestarse. A sintomatoloxía que asociamos popularmente á epilepsia son as convulsións e, aínda que ocorre nalgúns casos, non sempre é así. Coñecer todos os síntomas e falar do concepto de epilepsias pode axudarnos a aumentar a capacidade diagnóstica da poboación, xa que convivimos con síntomas que son epilepsia e non o parecen”.
Existen diferentes tipos de epilepsia
O factor común a todas as epilepsias é a sobreactivación dunha ou varias áreas do cerebro. Nunha crise de epilepsia só están a traballar os sistemas estimulantes, é dicir prodúcese unha actividade anormalmente alta en algures do cerebro ou en varias á vez. Aquí radica a explicación de por que non existe só un tipo de epilepsia, xa que unha das formas nas que podemos clasificalas é pola parte do cerebro á que afectan. Por exemplo, un brote de epilepsia na cortiza motora ou no cerebelo poderá dar sintomatoloxía de convulsión, pero un na cortiza sensorial podería darnos simplemente unha sensación de formigueo nos brazos ou nunha man, así como unha sobreactivación na cortiza vinculada á fala podería darnos problemas de acceso a vocabulario.
Outro recurso para clasificar os tipos de epilepsia é a orixe. Hai epilepsias que aparecen froito dun traumatismo, ou froito dunha alteración no desenvolvemento da cortiza cerebral, pero tamén podemos atopar epilepsias de base xenética. As instrucións do noso ADN poderían dar lugar a un mal funcionamento deses sistemas moduladores de actividade cerebral, provocando brotes dun ou múltiples focos.
Así mesmo, existe un tipo de epilepsia que combina unha orixe xenética e unha sintomatoloxía asociada a crises multifocais nas que gran parte do cerebro está a sufrir unha sobreactivación. Isto ocórrelles aos pacientes con Síndrome de Dravet, unha forma de epilepsia severa que ten base no ADN e se manifesta a partir do ano de vida. Nestes casos, unha anomalía xenética provoca que as neuronas encargadas de modular á baixa a actividade cerebral non funcionen. Cada vez que estas persoas reciben un estímulo que leva a unha sobreactivación, carecen de mecanismos para modular esa actividade neuronal e isto termina provocando unha crise. Dependendo do caso, os estímulos externos poden ser tan sinxelos como cambios na temperatura, xogar cun amigo ou familiar, escoitar música ou ver unha película. Folga dicir que a calidade de vida destes pacientes é indescritible, pero ademais a súa esperanza de vida é moi reducida.
Universidades galegas deseñan un casco de Campos Magnéticos Estáticos para tratar a epilepsia
A pesar de que NEUROcom avanza cara á investigación en enfermidades raras como a Síndrome de Dravet, os seus cimentos están na investigación básica con estimulación intracraneal mediante campos magnéticos. O grupo adscrito ao CICA da Universidade da Coruña está formado por investigadores de disciplinas como a medicina, fisioterapia, psicoloxía, bioloxía, ciencias da educación física e ciencias criminolóxicas. Esta multidisciplinariedade permite que o grupo se enfoque en diversos aspectos da Neurociencia, que van desde o estudo da fatiga, a relación entre alimentación e funcionamento cognitivo ou a neurorreabilitación non farmacolóxica en maiores e enfermos neuropsiquiátricos.
Dentro desta abundancia de liñas de investigación, a que chamou a atención da Federación Española de Epilepsia é a de estimulación cerebral non invasiva. O grupo Juan Casto Rivadulla leva por bandeira a súa liña de investigación con Campos Magnéticos Estáticos. Este tipo de estimulación demostrou en diferentes modelos experimentais (de rato a humano) a capacidade de diminuír a excitabilidade cortical, o que levou ao grupo aplicalo a modelos de epilepsia cuns resultados tan satisfactorios que foron motivo de recibir o premio Epiforward 2024 á Mellor Investigación Básica.