Un faladoiro sobre o Patronato franquista marcará o 8-M en Oleiros

ACoruñaXa
O Concello desprega durante marzo un programa que mestura memoria histórica, cultura, deporte, bibliotecas e actividades educativas, coa iluminación violeta do Castelo de Santa Cruz como xesto simbólico no Día Internacional das Mulleres
Casa do Concello de Oleiros
2 Mar 2026

Oleiros quere que o 8-M vaia máis alá dun acto puntual. O Concello presentou unha programación para todo o mes de marzo co obxectivo de combinar memoria, reflexión e participación comunitaria, con propostas pensadas para públicos de todas as idades e co foco posto na igualdade real e na visibilización das mulleres en todos os ámbitos.

Un dos momentos centrais chegará o 6 de marzo ás 19.30 horas no Auditorio da Fábrica, co faladoiro 'Memoria, dignidade e xustiza: o franquista Patronato de Protección a la Mujer'. A cita reunirá superviventes e investigadoras para abrir un espazo de diálogo sobre a memoria histórica e a reparación das inxustizas sufridas por milleiros de mulleres durante o franquismo.

No propio 8 de marzo, o Concello iluminará en violeta o Castelo de Santa Cruz como símbolo de compromiso colectivo coa igualdade. Ao longo do mes tamén se difundirá nas plataformas dixitais municipais o vídeo manifesto 'Semente de vencer', elaborado en colaboración cos clubs deportivos municipais, coa idea de reforzar a mensaxe de que o cambio tamén se constrúe desde o deporte e o traballo en equipo.

A programación inclúe ademais o obradoiro 'Coñecerse é vivirse', que nesta edición abordará a nutrición durante a menopausa. Desenvolverase o 24 de marzo no Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo, e a información sobre horarios e inscricións comunicarase a través das canles municipais habituais.

As bibliotecas municipais volverán ter un papel destacado na conmemoración, con actividades infantís e familiares como sesións de 'Hora do conto' durante a primeira quincena de marzo en distintas parroquias. Ademais, haberá exposicións bibliográficas baixo o título 'As estacións en feminino', dirixidas tanto a público adulto como infantil, para poñer en valor achegas de mulleres á literatura, á ciencia, aos dereitos civís e ás artes. Ao longo de todo o mes, as bibliotecas acollerán tamén mostras específicas centradas en escritoras actuais, mulleres que abriron camiño e a defensa dos dereitos de mulleres e nenas.

No eido educativo, o Concello mantén un ano máis o concurso de lemas co alumnado dos centros municipais a través do Servizo de Normalización Lingüística, xunto coa actividade teatral 'Directas ao espazo', de Trémola Teatro, dirixida ao alumnado do CEIP Isidro Parga Pondal.

0.12932300567627