Un estudo revela a incidencia da hostilidade dixital contra os políticos e o seu fondo machista
Un equipo da Universidade da Coruña lidera un estudo que pon de manifesto a importante incidencia da hostilidade dixital contra as persoas que desempeñan cargos de representación política, así como as connotacións machistas destes ataques.
No estudo revelase que a forma máis común de acoso dixital é a recepción de mensaxes odiosas, que van desde insultos ata comentarios denigrantes (o 21,9% dos homes e o 34,8% das mulleres que participaron sinalan ter sido obxecto deste tipo de violencias). Outras formas máis organizadas de acoso, como campañas de desprestixio ou a difusión de información falsa tamén están presentes no entorno dixital político.
Cando se indaga sobre as motivación detrás destes ataques, as persoas integrantes das cámaras de representación sinalan fundamentalmente cuestións de tipo político. Ideoloxía (60,6%), partido de pertenza (57,5%) ou posicionamento (39,4%) teñen máis peso que outros factores, como o xénero (11,9% de respostas, fundamentalmente de mulleres). No entanto, o estudo levado a cabo permitiu constatar un nesgo de xénero nestas violencias, tanto na súa manifestación como nas persoas que as exercen.
O único tipo de violencia no que observan diferenzas significativas de xénero é no acoso sexual en liña. Un 21,6% das políticas participantes afirman ter sufrido este tipo de violencia nas redes sociais, unha realidade que só experimentaron o 6,9% dos varóns.
Asemade as políticas participantes tenden a identificar os seus agresores como homes, mentres que os políticos varóns sinalan a mulleres e homes na mesma proporción.
Unha forma de violencia contra as mulleres en política
As entrevistas con 25 mulleres políticas, de diversos partidos e ámbitos de actuación, puxeron de manifesto a súa preocupación pola hostilidade que reciben nas redes sociais así como a impunidade dos agresores. Sinalan enfrontarse con frecuencia a ataques orquestrados e campañas de desprestixio para desgastalas e amedrentalas.
Na súa maioría as mulleres políticas identifican esta violencia en liña como diferente á que enfrontan os seus colegas varóns. Coinciden en sinalar un enfoque dos ataques cara o persoal -aspecto físico, vestimenta, preferencias sexuais, etc.- así como o uso de cualificacións que minimizan o seu papel, a súa valía política ou as cousifican.
A constante exposición a presións e agresións leva ás mulleres a limitar, reformular e mesmo a desistir de participar en determinadas plataformas e debates. Unhas medidas de autoprotección que repercuten directamente nunha perda de pluralismo.
A exposición a estas hostilidades dixitais ten un impacto significativo na saúde mental das mulleres políticas. Moitas subliñan situacións de ansiedade, cansazo i estrés que mesmo as levou a abandonar a primeira liña política. No entanto, para moitas estes ataques supoñen un alicerce para seguir loitando.
O estudo tamén reflectiu a persistencia dunha visión destas violencias como unha problemática individual que se fai patente na falta de apoios de colegas, mesmo dentro do seu partido político.
Accións de sensibilización
Para afondar máis polo miúdo nestas hostilidades que sofren as mulleres en política e fomentar unha actitude crítica fronte as mesmas, o equipo de AGITATE levou a cabo o podcast homónimo, que aborda a complexidade destas violencias dixitais con expertas neste eido, así como una microformación a través de Telegram e WhatsApp, en colaboración coa entidade Ecos do Sur, co obxectivo de formar e sensibilizar ás persoas usuarias nunha actividade na rede máis consciente e comprometida.
Apoio e Financiamento
Este estudo foi desenvolvido ao abeiro da convocatoria de subvencións do Instituto de las Mujeres destinadas á realización de Investigacións Feministas, de Xénero e sobre Mulleres, correspondentes ao ano 2022. Nesta convocatoria concorreron un total do 245 propostas de 55 universidades e centros de investigación. Asimetrías de xénero na comunicación política dixital da Universidade da Coruña foi un dos 19 proxectos de investigación que acadaron financiación.