Un Escape Room e un contacontos encherán de misterio o Samaín no mosteiro de Bergondo

O mosteiro de San Salvador de Bergondo converterase este sábado, 31 de outubro, nun escenario de misterio para celebrar o Samaín cunha programación dirixida a todos os públicos. A iniciativa, organizada polo Concello, forma parte dos actos conmemorativos dos 900 anos de historia do recinto monástico, reunidos baixo o lema ‘900 anos de memoria en pedra’.
A actividade central será o Escape Room 'O segredo do mosteiro', que comezará ás 18.00 horas. A participación é gratuíta, pero require inscrición previa a través da páxina web habilitada pola organización. Os equipos deberán contar cun teléfono móbil con conexión a internet para resolver os enigmas e superar as probas propostas. Ademais, haberá un premio para o equipo gañador.
A programación continuará en paralelo con diferentes obradoiros temáticos, que comezarán ás 18.30 horas e ofrecerán actividades para as persoas asistentes ao encontro.
A gastronomía tradicional tamén terá o seu espazo a partir das 19.30 horas, cunha degustación de castañas e caldo galego, dous produtos habituais nesta época do ano.
A xornada rematará ás 20.00 horas con 'Contos de medo que deixan durmir', un espectáculo de narración oral a cargo de Caxoto. A proposta pechará unha tarde na que o Samaín se combinará coa divulgación da historia do mosteiro e coa celebración do seu noveno centenario.