Un equipo do Colexio Santa María del Mar gaña a primeira Olimpíada Galega de Bioloxía da ESO no Courel

O equipo do Colexio Santa María del Mar – Jesuitas da Coruña fíxose co primeiro posto na estrea da Olimpíada Galega de Bioloxía da ESO, unha iniciativa impulsada polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) e celebrada no Xeoparque Mundial UNESCO Montañas do Courel.
A competición reuniu aos mellores equipos de secundaria de Galicia, tras un proceso previo no que participaron 530 estudantes de toda a comunidade. Desta fase inicial saíron os dez equipos finalistas, que se deron cita presencialmente en Quiroga para a proba definitiva. Cada equipo, formado por tres alumnos e un docente, afrontou probas teóricas individuais e retos prácticos cooperativos, nunha xornada que tamén incluíu actividades divulgativas sobre o patrimonio natural e xeolóxico da contorna.
O programa complementouse con visitas ao Museo Xeolóxico de Quiroga e á Dobra de Campodola, dous espazos emblemáticos do Xeoparque. As explicacións estiveron a cargo do xeólogo do territorio, Roi Sampedro, e do director dos museos de Quiroga, Ramón Vila.
O acto de clausura desenvolveuse no Concello de Ribas de Sil, coa presenza de distintas autoridades locais e representantes do ámbito educativo e científico. Entre eles, o alcalde de Ribas de Sil e presidente do Xeoparque, Roberto Castro, e o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera.
No apartado de premios, o ouro foi para o equipo do Colexio Santa María del Mar da Coruña, a prata para o IES Eusebio da Guarda e o bronce para o IES Plurilingüe Rosalía de Castro, de Santiago de Compostela. O recoñecemento á mellor actuación individual foi para Uriel Moral Sánchez, do IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras. Como recompensa adicional, o equipo gañador regresará ao Xeoparque no mes de xuño para participar nun programa especial de coñecemento do territorio durante dous días.