Un documental rescata a memoria dos lavadoiros como espazos de traballo e encontro

ACoruñaXa
A curtametraxe 'Lavadoiro', de Ana Amado e filmada por Lois Patiño, proxectarase o martes 12 de maio nas Torres de Santa Cruz, con coloquio posterior aberto ao público
OLEIROS lavadoiro
9 May 2026

O teatro As Torres de Santa Cruz acollerá o martes, 12 de maio, a proxección do documental 'Lavadoiro', unha curtametraxe que reflexiona sobre o papel destes espazos na vida das mulleres e na cultura popular galega. A sesión comezará ás 19.00 horas e a entrada será de balde.

A obra parte dos lavadoiros como lugares vinculados ao traballo doméstico, pero tamén como puntos de socialización, encontro e transmisión de memoria entre mulleres. Tras a proxección, celebrarase un coloquio aberto no que as persoas asistentes poderán compartir lembranzas e experiencias relacionadas con estes espazos.

'Lavadoiro' é un proxecto multidisciplinar da arquitecta e fotógrafa galega Ana Amado, creado na Galicia rural e filmado polo director Lois Patiño. A proposta combina arquitectura, fotografía, cine e performance para achegar unha mirada artística e simbólica a unhas construcións moi presentes na paisaxe e na memoria colectiva.

A peza constrúe o seu relato a partir da arquitectura dos propios lavadoiros e das lembranzas das mulleres que os utilizaron ao longo da súa vida. O acto busca así poñer en valor estes lugares como parte do patrimonio material e emocional de Galicia, especialmente nos municipios nos que aínda permanecen espallados pola súa xeografía.

0.11712980270386