Un curso gratuíto ensinará a sacar partido da intelixencia artificial no día a día

O Concello de Coirós pon en marcha unha nova proposta formativa pensada para quen queira gañar soltura co mundo dixital e, de paso, entender como a intelixencia artificial pode converterse nunha ferramenta útil na rutina diaria. Baixo o título 'Destrezas dixitais', o curso será gratuíto e está dirixido a persoas de entre 18 e 65 anos.
A actividade comezará o luns 9 de marzo e desenvolverase en horario de mañá, de 10.00 a 13.15 horas. O programa inclúe contidos prácticos para coñecer a IA como aliada, aprender as claves do chamado 'prompting' (como darlle instrucións para obter mellores resultados), aplicar estas ferramentas á procura de emprego e mellorar a creación de contidos reducindo tempo e esforzo. Tamén se traballará a autonomía dixital para dar os primeiros pasos en trámites e conexión en liña.
As persoas interesadas poden solicitar máis información e formalizar a inscrición nos teléfonos 625 766 472, 645 440 959 e 695 799 037. Dende a organización lembran que as prazas son limitadas.