Un curso ensinará en Pastoriza a resolver pequenas avarías de fontanería no fogar

Arteixo acollerá unha nova edición do curso básico de fontanería doméstica, unha proposta de iniciación pensada para que a veciñanza adquira coñecementos útiles para identificar, previr e solucionar pequenas avarías habituais nas vivendas.
A formación desenvolverase o sábado 16 de maio, de 10.00 a 14.00 horas, no Parque Municipal de Monticaño, en Pastoriza. O curso será impartido por Francisco Fernández e está dirixido a persoas afeccionadas á sustentabilidade urbana que queiran aprender nocións prácticas para o mantemento básico das instalacións de auga no fogar.
O programa inclúe unha introdución ao funcionamento da fontanería doméstica, o coñecemento das ferramentas, tubaxes e conexións máis frecuentes, así como a identificación de problemas como fugas, goteos ou atascos. As persoas participantes tamén aprenderán a realizar reparacións sinxelas, tarefas de mantemento preventivo e prácticas básicas de seguridade.
A actividade conta con 15 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición. Terán prioridade as persoas empadroadas no Concello de Arteixo e a clientela de SUMARTE, o servizo municipal de augas, así como usuarias de BiciArteixo. As solicitudes que queden sen praza serán convocadas para unha próxima edición do curso.
O prezo da inscrición será de 15 euros para persoas empadroadas en Arteixo, clientela de SUMARTE e asimiladas. A inscrición xeral terá un custo de 25 euros.