Un curso de primeiros auxilios ofrecerá en abril e maio formación básica ao tecido asociativo

O departamento de Participación Cidadá do Concello de Arteixo organiza un curso de primeiros auxilios dirixido ás persoas vinculadas aos movementos asociativos do municipio, cunha proposta centrada na adquisición de coñecementos básicos para responder ante pequenas emerxencias e situacións que requiran unha primeira actuación.
A formación terá unha duración total de 10 horas e desenvolverase en dúas sesións programadas para os sábados 25 de abril e 9 de maio, en horario de 9.00 a 14.00 horas. O obxectivo é dotar ás persoas participantes de ferramentas prácticas e nocións esenciais para saber como actuar con rapidez e seguridade en casos cotiáns de primeiros auxilios.
O curso ten un custo de 5 euros, unha contía simbólica coa que o Concello busca facilitar o acceso a unha formación útil para o día a día das entidades e colectivos. A iniciativa enmárcase na aposta municipal por reforzar a preparación e os recursos das persoas que forman parte da vida asociativa local.
O prazo de inscrición permanecerá aberto entre os días 14 e 17 de abril e poderá formalizarse a través do enlace habilitado para o curso de primeiros auxilios para entidades.