Un curso axudará ás persoas maiores a manexar o móbil e facer trámites dixitais en Vilarmaior

As persoas maiores de Vilarmaior poderán participar no mes de xuño nun curso de dixitalización pensado para mellorar a súa autonomía no uso das novas tecnoloxías. A iniciativa forma parte do programa 'Mellor acompañad@' e conta coa colaboración da Fundación Amigos de Galicia, o Concello de Vilarmaior e a Xunta de Galicia.
A formación celebrarase os luns 1, 8, 15 e 22 de xuño na Casa da Cultura, en horario de 10.00 a 12.30 horas. Durante as sesións, as persoas asistentes aprenderán a utilizar o teléfono móbil ou a tableta para realizar xestións cotiás de forma máis sinxela e segura.
O curso abordará cuestións como a solicitude, modificación ou anulación de citas coa administración, o uso do caixeiro automático, a realización de compras en liña, a aplicación móbil do Sergas, a Chave 365 e a navegación segura polas redes.
As inscricións poden realizarse presencialmente nos Servizos Sociais Comunitarios ou a través do teléfono do Concello, no 981 781 709.