Un convenio permitirá renovar a Casa Cuartel da Garda Civil de Betanzos

ACoruñaXa
A Deputación da Coruña financiará con 325.635 euros a rehabilitación do acuartelamento, que presta servizo a trece concellos da comarca
BETANZOS cuartel guardia civil
20 May 2026

A Deputación da Coruña investirá 325.635,95 euros na rehabilitación da Casa Cuartel da Garda Civil de Betanzos. A actuación executarase a través dun convenio coa Secretaría de Estado de Seguridade, por medio da Dirección Xeral da Garda Civil, e permitirá corrixir os problemas de humidades e filtracións que afectan a varias dependencias do edificio.

As obras inclúen a renovación completa da cuberta, a reparación das zonas danadas no interior das vivendas, a impermeabilización dos patios e a substitución do peche exterior do acuartelamento. Tamén se intervirá en paramentos, falsos teitos, pavimentos, rodapés, carpinterías e instalacións afectadas pola entrada de auga ou pola presenza de humidade.

Un dos puntos principais da actuación será a retirada da cuberta actual, que se atopa nun estado deficiente e é unha das causas das filtracións nas vivendas da última planta. Os traballos contemplan tamén a eliminación dos elementos de fibrocemento con amianto por parte dunha empresa homologada e a colocación dunha nova cuberta con materiais libres deste composto, novas tellas, canalóns, illamento térmico e unha liña de vida homologada.

A intervención permitirá ademais resolver problemas de condensación e capilaridade nas vivendas. Nas zonas máis afectadas substituiranse falsos teitos, repararanse paramentos, renovarase o pavimento e instalaranse sistemas de protección fronte á humidade, especialmente nas vivendas situadas na planta baixa.

Nos patios interiores retirarase o pavimento existente, formaranse novas pendentes cara aos sumidoiros e aplicarase unha nova impermeabilización. No exterior, o actual peche perimetral de celosía de formigón, deteriorado polo paso do tempo, será substituído por un novo cerramento.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou que a obra permitirá mellorar un edificio que presta un servizo público esencial para Betanzos e para a súa contorna. Tamén incidiu na necesidade de que a Garda Civil conte con instalacións axeitadas tanto para a atención á cidadanía como para as condicións de traballo dos profesionais destinados no acuartelamento.

A Casa Cuartel da Garda Civil de Betanzos dá cobertura a trece concellos, nun ámbito territorial de 677,27 quilómetros cadrados e cunha poboación próxima ás 68.000 persoas. A Deputación será a encargada de contratar a execución dos traballos unha vez obtidas as autorizacións e licenzas necesarias. Pola súa banda, a Dirección Xeral da Garda Civil poñerá o inmoble a disposición da institución provincial e comprométese a manter o uso público das instalacións durante un mínimo de dez anos.

0.12371397018433