Un convenio e novas equipacións reforzan o fútbol en Oza-Cesuras

O Concello de Oza-Cesuras volveu amosar o seu respaldo ao deporte base coa sinatura dun novo convenio de colaboración co Clube de Fútbol Oza-Cesuras, un acordo destinado ao desenvolvemento de distintos servizos e ao mantemento das instalacións deportivas. O importe do convenio supera os 16.000 euros, segundo informou o propio consistorio.
Xunto a esta achega, o goberno local mantén outra das súas liñas habituais de apoio á canteira: o agasallo da equipación a cada neno e nena que inicia a súa andaina no club. Ademais, o Concello asume tamén o investimento nas equipacións dos cativos e cativas que forman parte da entidade, unha partida que na tempada 2025/26 superou os 9.000 euros.
O crecemento do club é outro dos datos que subliña o Concello. Na actual campaña, o Clube de Fútbol Oza-Cesuras conta con máis de 150 fichas de xogadores, unha cifra que evidencia a consolidación da entidade e o seu peso dentro da actividade deportiva do municipio. O executivo local destaca, ademais, que o club se ten convertido nun espazo de convivencia, compañeirismo e transmisión de valores para a mocidade.
Con esta colaboración, Oza-Cesuras reafirma a súa aposta polo fútbol formativo e polo papel que o deporte desempeña na educación e no lecer da rapazada. O convenio e o apoio material buscan, en definitiva, facilitar os primeiros pasos dos máis novos e contribuír a que o club continúe medrando nos vindeiros anos.