Un concurso con 900 euros en premios busca as mellores imaxes do patrimonio e da paisaxe de Paderne

O Concello de Paderne vén de convocar a primeira edición do Concurso de Fotografía 'Paderne: unha ollada ao paraíso', unha iniciativa coa que pretende fomentar a participación da veciñanza e poñer en valor a riqueza natural, patrimonial, etnográfica e costumista do municipio a través da fotografía.
O certame repartirá un total de 900 euros en premios entre as persoas gañadoras das dúas categorías establecidas: fotografía realizada con móbil e fotografía tomada con cámara. En cada unha delas concederanse premios ao primeiro, segundo e terceiro clasificado.
As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 15 de setembro. O concurso está aberto a maiores de 16 anos e as solicitudes poderán presentarse a través da sede electrónica municipal ou de maneira presencial nas oficinas do Concello.
Cada participante poderá presentar un máximo de tres fotografías, que poderán ser en cor ou en branco e negro. As bases establecen que non se admitirán imaxes editadas, máis alá de pequenas correccións de cor ou iluminación.
As fotografías deberán entregarse en formato .JPG, cunha resolución mínima de 300 píxeles por polgada e un tamaño máximo de 10 megabytes. Ademais, será necesario presentar unha copia en papel fotográfico de 20 por 30 centímetros, identificada cun título.
O xurado estará integrado por tres profesionais, que serán os encargados de valorar os traballos presentados e decidir as persoas gañadoras. O fallo darase a coñecer o 24 de outubro, coincidindo coa celebración do Día da Biblioteca organizada polo Concello.
As obras seleccionadas formarán parte dunha exposición que poderá visitarse durante un mes na Casa do Concello.
O alcalde de Paderne, Sergio Platas, anima á veciñanza a participar nesta primeira edición co obxectivo de consolidar un certame que teña continuidade nos vindeiros anos e que contribúa a crear un arquivo fotográfico que recolla a riqueza paisaxística e patrimonial do municipio.