Un ciclo recuperará en Coirós a memoria das mulleres internadas no manicomio de Conxo

A Deputación da Coruña, a través da área de Igualdade e Dereitos Civís, pon en marcha o ciclo 'As tolas que non o eran', unha proposta coa que busca recuperar a memoria das mulleres que foron internadas no Manicomio de Conxo entre finais do século XIX e comezos do XX.
A iniciativa, impulsada coincidindo co Día Internacional de Acción pola Saúde das Mulleres, que se conmemora hoxe, 28 de maio, e desenvolverase nos concellos da Baña, Boiro, Coirós, Mañón, Padrón e Sobrado. As datas concretas das sesións anunciaranse proximamente.
O programa estará formado por seis charlas-obradoiro impartidas pola investigadora Carmen Vidal Valiña, autora do ensaio 'As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo 1885-1936' e especialista no estudo dos arquivos do centro psiquiátrico.
As sesións abordarán o papel dos hospitais psiquiátricos como espazos de control social sobre mulleres consideradas 'problemáticas' por non encaixar nos mandatos de xénero da época. A proposta permitirá afondar nos perfís, nas historias e nas vivencias das internas de Conxo, así como no uso da psiquiatría como mecanismo para silenciar a disidencia feminina.
O ciclo incluirá tamén a análise de documentos reais procedentes do arquivo do centro, entre eles cartas e historias clínicas. Ademais, as persoas participantes poderán tomar parte nun obradoiro final de escritura colectiva, orientado a contribuír á recuperación da memoria destas mulleres inxustamente encerradas e invisibilizadas.
Desde a Deputación sinalan que esta iniciativa busca revisar as violencias históricas exercidas contra as mulleres baixo discursos médicos, morais ou sociais. O proxecto nace nun contexto de crecente interese pola documentación vinculada ao Patronato de Protección de la Mujer e por outros arquivos que permiten reconstruír historias de represión, control e exclusión.
Co ciclo 'As tolas que non o eran', a institución provincial reafirma o seu compromiso coa memoria democrática, coa igualdade de xénero e coa recuperación das voces que quedaron fóra do relato oficial. A chegada desta proposta a Coirós permitirá achegar á veciñanza unha reflexión sobre saúde mental, dereitos das mulleres e memoria histórica desde unha perspectiva divulgativa e participativa.