Un cento de profesionais reforzarán a seguridade e a limpeza nas praias este verán

A tempada de praias comezará na Coruña o vindeiro luns 15 de xuño cun dispositivo municipal formado por arredor dun cento de profesionais dedicados á seguridade, á limpeza, ao mantemento e á vixilancia ambiental dos areais. O operativo estará activo ata o 15 de setembro e cubrirá tanto as principais praias da cidade como outros puntos de baño.
O concello presentou este martes o dispositivo na contorna do Parrote, que este verán se incorpora aos espazos con cobertura municipal de socorrismo. A zona contará con dous efectivos para garantir a vixilancia e a atención ás persoas usuarias.
No ámbito da seguridade, A Coruña despregará 42 profesionais especializados, entre socorristas acuáticos, patróns de embarcación, persoal técnico sanitario e coordinación operativa. O servizo funcionará todos os días de 11.00 a 21.00 horas nas praias de Riazor, Orzán, Matadoiro, As Lapas, San Amaro, Oza, O Parrote e Punta de Santa Cristina.
O operativo contará con dúas motos acuáticas de rescate situadas en Oza e Riazor, unha ambulancia de soporte vital básico, equipos de comunicación, emisoras náuticas, postos de socorro equipados, material sanitario homologado, táboas de rescate e novo material técnico para intervencións acuáticas.
Como novidade, o Concello incorporará melloras na aplicación CEUS, unha ferramenta dixital que ofrece información en tempo real sobre o estado das praias, incidencias, condicións de seguridade e funcionamento do servizo de salvamento.
A limpeza tamén se reforzará desde o 15 de xuño. A maquinaria limpapraias pasará todas as noites por todos os areais, cun apoio diario de limpeza manual e baleirado de contedores e papeleiras. Colocaranse máis de 150 recipientes de 120 litros para residuos orgánicos e envases, ademais de colectores de fracción resto nos accesos ás praias. O reforzo estenderase tamén ao paseo marítimo.
A cala de Bens, que seguirá a ser praia canina, recibirá unha limpeza manual profunda polas súas características especiais, que impiden o uso de maquinaria. En total, medio cento de operarios traballarán en quendas de mañá, tarde e noite para manter as condicións de hixiene durante toda a tempada.
O Concello está a colocar tamén as casetas de socorrismo en Riazor, Orzán-Matadoiro, Oza, As Lapas e San Amaro. A caseta de Educación Ambiental estará operativa en Riazor, mentres que en Oza prestarase apoio ás actividades da Fundación María José Jove para persoas con diversidade funcional. As praias accesibles de Riazor, San Amaro e Oza contarán con duchas adaptadas e outros elementos para facilitar a mobilidade.
A vixilancia ambiental supervisará 17 puntos de baño con inspeccións diarias nas praias principais e en zonas como O Parrote. O Concello lembra ademais que os cans non poden acceder aos areais desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro, agás na praia canina de Bens e no resto de áreas habilitadas da cidade.
A partir do 1 de xullo desenvolverase tamén un programa gratuíto de actividades educativas sobre salvamento, seguridade acuática e sensibilización ambiental para menores de entre 6 e 16 anos. As inscricións realizaranse cada día nas casetas de socorrismo das praias de Riazor e Oza.
Este verán, a cidade contará con cinco bandeiras azuis nos areais de Riazor, Orzán-Matadoiro, San Amaro, As Lapas e Oza, un recoñecemento á calidade da auga, á accesibilidade, á xestión ambiental, aos servizos e á seguridade.