Un campamento de Semana Santa ofrecerá ocio e conciliación ás familias de Vilasantar

O Concello de Vilasantar abrirá nesta Semana Santa unha nova proposta dirixida á rapazada do municipio coa posta en marcha dun campamento no CEIP de Présaras. A actividade desenvolverase do 30 de marzo ao 6 de abril e está pensada para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, cun horario de 10.00 a 14.00 horas.
A iniciativa busca ofrecer unha alternativa de lecer durante os días non lectivos, ao tempo que facilita a conciliación das familias nestas datas. O campamento celebrarase nas instalacións do centro educativo de Présaras, onde os participantes poderán compartir xogos e actividades adaptadas á súa idade ao longo das mañás.
As follas de inscrición poderán presentarse nas dependencias municipais, a través da Sede Electrónica ou no propio colexio. As prazas asignaranse por estrita orde de inscrición, aínda que terán prioridade os nenos e nenas empadroados en Vilasantar. No caso de quedar vacantes, tamén poderán acceder menores non empadroados.
O Concello lembra ademais que as faltas de asistencia non xustificadas poderán supoñer a baixa no servizo se existe lista de agarda. Como recomendación, a organización aconsella que cada participante leve auga e un aperitivo saudable para media mañá. Para máis información, as familias poden chamar ao 981 77 81 69. A actividade está financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade e polo Ministerio de Igualdade.