Un campamento de Semana Santa abrirá inscricións o 2 de marzo para facilitar a conciliación en Oza-Cesuras

ACoruñaXa
A proposta municipal, dirixida a nenos e nenas de 3 a 12 anos, desenvolverase do 30 de marzo ao 6 de abril no Edificio de Servizos Múltiples de Lois, con actividades educativas, lúdicas e deportivas desde as 7.30 ata as 15.00 horas
OZA-CESURAS concello
2 Mar 2026

O Concello de Oza-Cesuras porá en marcha esta Semana Santa unha nova edición do 'Campamento Oza-Cesuras Concilia', unha iniciativa pensada para ofrecer lecer saudable á rapazada e, ao mesmo tempo, botar unha man ás familias na organización do día a día durante as vacacións escolares. O programa celebrarase nos días non lectivos comprendidos entre o 30 de marzo e o 6 de abril, ambos incluídos, e as inscricións poderán presentarse do 2 ao 13 de marzo.

O campamento funcionará cun horario amplo, de 7.30 a 15.00 horas, estruturado en dúas quendas de chegada e recollida para adaptarse ás necesidades de conciliación. A instalación abrirá ás 7.30 horas, momento no que poderá incorporarse o primeiro grupo de participantes. A segunda entrada realizarase ás 9.00 horas e, nese mesmo intre, o equipo de monitorado explicará a programación prevista para a xornada. As actividades arrancarán ás 9.30 horas cun primeiro bloque de propostas educativas, deportivas e lúdicas, que darán paso á merenda das 11.15 horas. Tras ese descanso, ás 11.45 horas comezará unha segunda tanda de actividades.

A saída tamén estará escalonada. Ás 14.00 horas entregarase o primeiro grupo ás familias, cunha breve información sobre o desenvolvemento do día, e ás 15.00 horas realizarase a recollida do segundo grupo. O Concello lembra que non se facilitarán alimentos, polo que cada neno ou nena deberá levar a súa merenda da casa se o precisa.

A actividade desenvolverase principalmente no Edificio de Servizos Múltiples de Lois (Oza), aínda que se prevén desprazamentos a pé para actividades complementarias noutros puntos do municipio, sempre con autorización expresa. O campamento contará cun máximo de 50 prazas, distribuídas en grupos de ata 10 participantes, e só se realizará se se acada un mínimo de 10 inscritos. A admisión será por orde de inscrición nos rexistros municipais, con prioridade para familias nas que estean empadroados un proxenitor e o menor.

0.12300491333008