Un café para achegar o Concello á veciñanza e abrir o diálogo nas parroquias de Paderne

O Concello de Paderne vén de impulsar unha nova iniciativa coa que busca reforzar a escoita activa e a participación cidadá en todas as parroquias do municipio. Baixo o nome de 'Un café co alcalde', o goberno local quere crear un espazo próximo e aberto no que a veciñanza poida conversar de maneira directa co rexedor, Sergio Platas, sobre as necesidades, inquedanzas e propostas de cada lugar.
A proposta nace coa intención de favorecer un diálogo máis fluído entre a administración local e as persoas que fan vida no rural padernés. A idea é sinxela: compartir un encontro arredor dun café para abordar con calma a realidade social e económica de cada parroquia, recoller impresións da cidadanía e incorporar novas ideas para seguir definindo o futuro do concello de forma colectiva.
Segundo explica o executivo municipal, o obxectivo pasa por abrir novas canles de comunicación, achegar a institución á vida cotiá da veciñanza e avanzar nun modelo de municipio construído entre todas e todos. O programa percorrerá as distintas parroquias de Paderne para facilitar esa conversa directa sobre o presente e os retos de cada núcleo.
A primeira cita desta iniciativa celebrarase o vindeiro 27 de marzo no Local Social de Velouzás. O Concello aposta así por un formato sinxelo e próximo, coa convicción de que moitas das mellores ideas poden xurdir nun ambiente distendido e de conversa compartida.