Un busto de granito honrará o Gaiteiro de Vilaverde preto do Museo do Traxe

ACoruñaXa
O Pleno de Ordes aproba por unanimidade a homenaxe a Manuel Viqueira, referente da gaita galega e figura clave na conservación da música tradicional, que se inaugurará o 31 de maio
ORDES pleno febreiro 2026
28 Feb 2026

Ordes renderá homenaxe a Manuel Viqueira, coñecido como O Gaiteiro de Vilaverde, cun busto de granito que se inaugurará o vindeiro 31 de maio nas inmediacións do Museo do Traxe Juanjo Liñares. A proposta saíu adiante por unanimidade no pleno municipal celebrado na tarde deste xoves e pretende recoñecer o labor artístico do músico e a súa contribución á conservación, fomento e difusión da música tradicional galega.

A iniciativa contou co respaldo dos grupos da corporación. Desde o PSdG-PSOE, a súa voceira Noelia Ribadas subliñou o apoio a este tipo de recoñecementos, especialmente cando chegan avalados por unha recollida de sinaturas entre a veciñanza. Pola súa banda, o concelleiro do BNG Manuel A. Villaverde animou a continuar con homenaxes a artistas destacados do ámbito musical da comarca e puxo exemplos como Flor da Maquía ou Domingo Calviño.

Manuel Viqueira Vieites (Vilaverde, Ordes, 1929-2015) estivo estreitamente vencellado á gaita galega durante toda a súa vida. Considerado un referente da música tradicional, foi dos poucos gaiteiros capaces de conservar a técnica da dixitación antiga, cun xeito de tocar pechado, complexo, moi ornamentado e persoal.

Na década dos 90, xunto con tres dos seus fillos, fundou unha agrupación musical co seu propio nome, que se converteu nunha das máis solicitadas en festas, celebracións e romarías. Ademais, destacou polo seu labor de recompilación de pezas tradicionais da zona de Ordes, un traballo que permitiu conservar melodías que aínda hoxe se poden seguir interpretando. Parte dese repertorio, incluíndo composicións cantadas, quedou recollido nos traballos discográficos publicados ao longo dos anos.

0.1193311214447