Un ascenso invicto premia a gran tempada de La Goleta Santo Domingo Betanzos

O baloncesto betanceiro celebrou esta fin de semana unha das súas grandes novas da tempada. La Goleta Santo Domingo Betanzos, conxunto de Terceira Autonómica formado polos xogadores máis veteranos do club, certificou o seu ascenso a Segunda Autonómica despois de impoñerse ao San José de Cluny nun encontro moi disputado que rematou con triunfo visitante por 54-60.
O equipo dirixido por Javier Blanco Rivera culmina así unha campaña excepcional. A falta dunha xornada para o remate da competición, La Goleta non perdeu ningún dos 27 partidos que disputou, unha serie que, unida aos resultados das últimas tempadas, consolida unha traxectoria practicamente inédita no baloncesto galego recente.
A fin de semana tamén deixou outra alegría para o Santo Domingo Betanzos. O Warnier Informática infantil feminino, adestrado por Javier Codesido e Alía Ortega, conseguiu a terceira posición na Liga da Coruña e disputará a Fase de Ascenso a Primeira División. O equipo repúxose da derrota nas semifinais ante Calasanz, resolta na prórroga, e asinou un convincente triunfo fronte ao Montrove no partido polo terceiro posto, cun marcador de 80-58.
A fase de ascenso está prevista para a próxima semana e, salvo cambios de última hora, contará coa presenza de Calasanz, Sarria, Baloncesto Nigrán, Compañía de María Santiago, Club Depordima de Ourense, Grenlins Cuntis e Pontumio Montebreamo.
Tamén brillou o Premini Masculino, que se clasificou para a final da Copa Premium da Coruña tras vencer ao Liceo La Paz por 40-50. O resultado ten un valor especial para o club, xa que desde a tempada 2018-2019 ningún equipo benxamín do Santo Domingo lograba alcanzar esa final.
A xornada, con todo, deixou tamén algunhas decepcións. Os cadetes de Grelo caeron ante Maristas por 77-79 na Copa Premium Júnior nun partido marcado pola polémica e polas eliminacións, ata cinco no conxunto betanceiro. Malia todo, os de Will Pereiro estiveron preto de completar unha remontada despois de chegar a verse case 20 puntos abaixo. Pola súa banda, os infantís de Cyrdega non puideron superar ao Cambre no encontro de cuartos de final.