Un accidente de tren en Toledo deixa polo menos 68 mortos tras o choque dun Iryo e un AVE

GaliciaXa | LugoXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | FerrolXa | OurenseXa
O accidente volve traer á memoria en Galicia a traxedia de Angrois, en Santiago de Compostela, onde o descarrilamento dun tren Alvia o 24 de xullo de 2013 causou a morte de 80 persoas
accidente-tren-Toledo-26
28 Oct 2026

Un accidente de tren rexistrado este mércores, 28 de outubro, entre as localidades toledanas de Los Yébenes e Urda deixa polo menos 68 persoas falecidas e preto de 80 feridos, 77 están hospitalizados e 15 deles en estado moi grave, segundo as últimas informacións oficiais.

O sinistro produciuse arredor das 8.53 horas, cando un tren AVE de Renfe alcanzou un convoi Iryo, provocando a súa saída da vía.

Segundo explicou a portavoz do Goberno de Castela-A Mancha, Esther Padilla, no tren Iryo 6076 viaxaban 147 persoas, entre elas un bebé, mentres que o AVE 2080 transportaba 397 pasaxeiros. Os dous trens circulaban en dirección a Andalucía cando se produciu o choque. Dous vagóns do Iryo descarrilaron e caeron por un terraplén.

Os servizos de emerxencias desprazáronse ata a zona para atender as persoas afectadas. Pola súa banda, Adif interrompeu a circulación ferroviaria de alta velocidade entre Madrid e Andalucía como consecuencia do accidente.

O ministro de Transportes, Óscar Puente, trasladouse ao centro de control habilitado para seguir a situación e obter información sobre o sucedido. O ministro cancelou a súa participación nun acto previsto na Universidade Politécnica de Madrid tras coñecer a noticia do sinistro.

As primeiras hipóteses apuntan a que se trata dun fallo humano ao non funcionar o sistema de automático de sinalización, como causa do accidente.

O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible asegurou que a colisión produciuse despois de que o centro de control de Adif en Atocha autorizase a recuperación da circulación normal dos trens, en contra do establecido na normativa ferroviaria.

Esta decisión se tomou despois de que o sistema de seguridade LZB fallase ás 8.32 horas. A avaría provocou a parada de seis trens nun tramo de 90 quilómetros.

Oito minutos despois, o operador autorizou que todos os trens retomasen a circulación. Segundo as mesmas fontes, esta decisión contraviña a normativa, xa que a autorización debería limitarse a permitir a marcha á vista, cunha velocidade máxima de 40 quilómetros por hora.

Porén, ao recuperar a circulación normal, o AVE alcanzou unha velocidade de 200 quilómetros por hora e chocou contra o Iryo.

MINUTO DE SILENCIO ÁS 20.00 HORAS

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) súmase á convocatoria da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP) para realizar un minuto de silencio este mércores, 28 de outubro, en memoria das vítimas do grave accidente ferroviario rexistrado en Urda, na provincia de Toledo.

A convocatoria está prevista para as 20:00 horas diante dos concellos e busca expresar o apoio ás persoas afectadas polo sinistro. A Fegamp anima a participar nesta homenaxe ás institucións, entidades, traballadores e veciñanza como mostra de respecto e solidariedade.

A entidade galega trasladou o seu pesar e consternación polo accidente e fixo chegar as súas condolencias ás familias e amizades das persoas falecidas. Tamén expresou o seu apoio ás persoas feridas, ás que desexou unha pronta recuperación.

FOLGA DE MAQUINISTAS

O Sindicato Español de Maquinistas e Axudantes Ferroviarios (Semaf) convocou unha folga de maquinistas para este xoves, 29 de outubro, que afectará distintos servizos ferroviarios con saída ou destino en Galicia, incluídas conexións de alta velocidade e longa distancia entre Vigo e Madrid, así como numerosos traxectos de media distancia entre cidades galegas.

Entre os servizos comerciais que figuran na relación de Renfe están os trens de alta velocidade entre Madrid-Chamartín e Vigo-Urzaiz, con saídas de Madrid ás 08:26 horas e de Vigo ás 13:37 horas. Tamén aparecen afectados catro servizos entre Vigo-Guixar e Valença do Minho, con saídas de Vigo ás 08:58 e ás 18:05 horas e desde Valença ás 11:00 e ás 21:50 horas. Na conexión Lugo-Ourense, figuran os trens das 18:30 horas e das 20:55 horas, respectivamente.

No servizo público, as alteracións afectan varias conexións entre Santiago, Vigo-Guixar e Vilagarcía de Arousa. Desde Santiago están sinalados os trens cara a Vilagarcía das 11:00 e as 19:34 horas, así como os que parten cara a Vigo ás 15:11, 20:40 e 22:10 horas. En sentido contrario, figuran os servizos Vigo-Santiago das 06:48, 17:08 e 18:30 horas e os Vilagarcía-Santiago das 12:00 e 20:42 horas. O corredor entre A Coruña e Ferrol tamén rexistrará afectacións, con trens sinalados ás 07:30, 15:04 e 18:32 horas desde A Coruña e ás 05:40, 09:10, 17:41 e 20:36 horas desde Ferrol. A relación inclúe ademais conexións entre Monforte de Lemos e A Coruña, con saídas ás 07:30 e ás 19:35 horas.

Outros servizos afectados son os de Ferrol-Ribadeo das 10:45 horas e Ribadeo-Ferrol das 15:00 horas; os trens Lugo-Ourense das 14:41 e Ourense-Lugo das 12:32 horas; e as conexións entre O Carballiño e Ourense, con saídas ás 07:50 e 15:00 horas desde O Carballiño e ás 14:30 e 21:13 horas desde Ourense. A lista complétase co tren Ponferrada-Ourense das 06:15 horas e con dous servizos nos que figura a observación de autobús: Vigo-Guixar-Ponferrada, ás 13:45 horas, e Ourense-Vigo-Guixar, ás 10:05 horas. Recoméndase consultar a información de Renfe antes de viaxar para comprobar as posibles alteracións.

O Sindicato Español de Maquinistas e Axudantes Ferroviarios (Semaf) mantén a convocatoria para reclamar máis seguridade no ferrocarril e o cumprimento dos compromisos destinados a introducir cambios estruturais no sector. O sindicato expresou as súas condolencias polas vítimas e pediu prudencia á hora de valorar as causas do sinistro.

LEMBRANZA DE ANGROIS

O accidente volve traer á memoria en Galicia a traxedia de Angrois, en Santiago de Compostela, onde o descarrilamento dun tren Alvia o 24 de xullo de 2013 causou a morte de 80 persoas e deixou máis de 140 feridas. O maquinista foi condenado por imprudencia grave ao circular a 220 quilómetros por hora nunha curva limitada a 80. A causa xudicial prolongouse durante trece anos e, en xaneiro de 2026, a Audiencia Provincial da Coruña confirmou a condena do condutor e absolveu o exdirector de Seguridade na Circulación de Adif.

Tamén está moi presente o accidente ferroviario de Adamuz, en Córdoba, ocorrido o 18 de xaneiro deste ano, no que morreron 46 persoas tras o descarrilamento dun tren Iryo e o posterior choque cun Alvia. A proximidade temporal e o feito de que o sinistro tamén implicase un tren da compañía Iryo volven situar a seguridade ferroviaria no centro da atención pública, mentres se agarda por coñecer as causas do accidente de Toledo.

SUSPENSIÓN DA CAMPAÑA

Os partidos políticos anunciaron a suspensión da campaña por respecto ás vítimas do sinistro, que non se descarta que aumenten nas próximas horas. O único que anunciou que non suspenderá a campaña é Santiago Abascal. O líder de VOX ve unha "insoportable degradación" da infraestrutura ferroviaria como causa e anunciou que non suspenderá a axenda para "continuar precisamente co estas denuncias".

En Galicia, suspendéronse tamén os actos políticos como se fixo no Congreso coa homenaxe ás vítimas da ditadura.

MOSTRAS DE APOIO DESDE GALICIA

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, trasladou a súa preocupación polo accidente ferroviario rexistrado en Urda (Toledo) e puxo a disposición os medios de Galicia para colaborar na asistencia ás persoas afectadas. "Sigo con preocupación as terribles noticias que nos chegan do accidente de Toledo. O meu máis sentido pésame polas persoas falecidas, e todo o apoio e cariño ao resto de afectados, familiares e achegados", sinalou a través do seu perfil na rede social X. Rueda asegurou que "Galicia, e os seus medios, están a disposición para todo aquilo no que poidamos axudar". O presidente da Xunta tamén trasladou unha mensaxe de ánimo a todas as persoas afectadas, con especial atención aos equipos de rescate que traballan na zona. "Oxalá que as noticias pesimistas ao final non o sexan tanto", concluíu.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, amosouse «consternado» polo accidente ferroviario ocorrido este mércores en Urda (Toledo) e enviou «todo o seu cariño e apoio» ás persoas afectadas e ás súas familias. Nunha mensaxe publicada na rede social X, Blanco tamén expresou o seu agradecemento aos equipos de emerxencia polo traballo que están a realizar "nestes momentos tan difíciles".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou o seu cariño e solidariedade ás vítimas e ás familias afectadas polo accidente asegurando que "desde Galicia sabemos ben o que significa unha traxedia así. Todo o cariño e solidariedade coas vítimas e coas súas familias", expresou a líder nacionalista nunha mensaxe publicada na rede social X. Pontón tamén enviou moita forza aos equipos de emerxencias que traballan na zona para atender as persoas afectadas polo sinistro.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, tamén expresou o seu cariño e solidariedade coas vítimas e os familiares. Nunha mensaxe publicada en X, o líder dos socialistas galegos asegurou estar "profundamente afectado" pola noticia do sinistro rexistrado en Castela-A Mancha. "En Galicia sabemos ben o que significa vivir unha traxedia así. Compartimos a dor das familias que perderon un ser querido e a angustia de quen agarda noticias dos seus. Todo o meu cariño e solidariedade coas vítimas e as súas familias, e moita forza para as persoas feridas", manifestou Besteiro. O secretario xeral do PSdeG tamén trasladou unha mensaxe de apoio aos equipos de emerxencias que traballan sobre o terreo.

MINUTO DE SILENCIO

A Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) convocou un minuto de silencio este mércores ás 20.00 horas diante de todos os concellos en memoria das vítimas do accidente.

Pola súa banda, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, decretou tres días de loito oficial polas vítimas.

 

(NOVA EN AMPLIACIÓN)

 

imaxes-situación-accidente-tren-Toledo-26
0.17292594909668