Ultraligera arrancará a súa nova xira 'Lapsus Tour' no Coliseum da Coruña

GaliciaXa | ACoruñaXa
A banda madrileña ofrecerá o 7 de maio de 2027 o único concerto galego anunciado ata o momento
ULTRA ligera
25 Nov 2026

A Coruña será o punto de partida da nova xira de Ultraligera. A banda madrileña escolleu o Coliseum para inaugurar 'Lapsus Tour', o percorrido máis ambicioso da súa traxectoria ata a data, que contará cunha vintena de datas nalgúns dos principais recintos de concertos do país. A actuación coruñesa terá lugar o venres 7 de maio de 2027 e será, polo momento, a única cita confirmada en Galicia.

As entradas poderán adquirirse a partir do martes 1 de decembro, desde as 12.00 horas, a través das plataformas habituais.

O anuncio chega nun momento especialmente destacado para o grupo, que este venres 27 de novembro publicará o seu segundo álbum de longa duración, titulado 'Lapsus'. O disco chega despois de varios adiantos, entre eles 'Cuando todo vaya mal', 'Tu Problema', 'Alguna Película', 'Que le vaya bien' e 'Mosquito'. A estes temas sumarase 'Yugular', cuxo lanzamento está previsto para este xoves ás 12.00 horas.

A nova xira chega tamén despois dun ano de intensa actividade en directo, con preto de medio cento de actuacións e presenza en festivais como SonRías Baixas. Ademais, Ultraligera acaba de completar a súa primeira xira por Latinoamérica, con concertos en Colombia, México, Chile e Arxentina.

Un momento de crecemento para a banda

O grupo reforzou a súa proxección nos últimos meses coa venda de dous concertos no Movistar Arena de Madrid en apenas dúas horas, o que levou a anunciar unha terceira data consecutiva no recinto. Un éxito de convocatoria que acompaña a presentación de 'Lapsus' e o anuncio dunha xira que terá na Coruña a súa primeira parada.

Formada por Gisme (voz), Coque (guitarra), Santi (baixo) e Martín (batería), con Mario como segundo guitarrista en directo, Ultraligera recibiu recentemente o recoñecemento a Artista Revelación Rock nos Premios Odeón. Tamén conta con dúas candidaturas nos Premios da Academia da Música e tres discos de ouro polo seu álbum debut, 'Pelo de Foca', e polos temas 'La Basura' e 'Matanza en el Hotel'.

A cita do 7 de maio permitirá ao público galego escoitar en directo o novo repertorio da banda, que inicia con este tour unha nova etapa tras o percorrido do seu anterior traballo.

0.13861799240112