Últimos días para presentar proxectos aos premios provinciais de Igualdade

GaliciaXa | ACoruñaXa
A Deputación da Coruña mantén aberto ata o xoves 28 de maio ás 14.00 horas o prazo para optar aos certames Luísa Villalta, Begoña Caamaño e Concepción Arenal, dotados con 128.000 euros
DIPU CORU violencia xénero
25 May 2026

O prazo para concorrer ás convocatorias anuais de Igualdade da Deputación da Coruña entra na súa recta final. As persoas, entidades e centros interesados poderán presentar as súas propostas ata o vindeiro xoves, 28 de maio, ás 14.00 horas, a través da plataforma telemática SUBTEL.

As tres liñas abertas suman un investimento total de 128.000 euros e buscan apoiar proxectos que contribúan a avanzar cara a unha igualdade real desde diferentes ámbitos: o social, o cultural, o educativo e tamén o económico. Os certames convocados son o Premio Luísa Villalta, o Premio Begoña Caamaño e o Premio Concepción Arenal.

A convocatoria con maior dotación é o VIII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, que conta con 100.000 euros. Nesta edición repartiranse oito premios de 12.500 euros cada un, dirixidos a persoas autónomas, empresas e entidades de economía social con sede en Galicia. O obxectivo é impulsar iniciativas con impacto social que fagan visible o papel das mulleres en ámbitos como a ciencia, o deporte, a tecnoloxía ou o mundo rural.

No eido cultural, a Deputación convoca a décima edición do Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero. Esta liña está dotada con 13.000 euros, distribuídos en dous premios de 6.500 euros. Poderán participar persoas físicas e entidades privadas sen ánimo de lucro que presenten proxectos nos que a cultura funcione como ferramenta de transformación social e de visibilización de novas realidades de xénero.

A terceira convocatoria é o XIII Premio Concepción Arenal, centrado no ámbito educativo. Dispón de 15.000 euros e está dirixido a centros de ensino público da provincia. O certame concederá tres premios de 5.000 euros a proxectos pedagóxicos que axuden ao alumnado a identificar e rexeitar estereotipos sexistas, promover o respecto á diversidade sexual e previr a violencia de xénero desde as aulas.

Todas as solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica, mediante a plataforma SUBTEL, integrada na sede electrónica da Deputación da Coruña. A institución provincial anima ás persoas e entidades interesadas a completar a tramitación antes do peche do prazo para poder optar a unhas axudas que buscan reforzar proxectos transformadores en materia de igualdade.

0.13521718978882