Últimos días para enviar relatos ao Certame de Literatura LGTBIQ+ do Atlantic Pride


O V Certame de Literatura LGTBIQ+ do Atlantic Pride encara a súa recta final. As persoas interesadas en participar poderán presentar os seus relatos curtos ata este domingo, 31 de maio, a través da páxina web do festival. A iniciativa busca dar visibilidade ás diversidades sexuais e de xénero e recoller experiencias LGTBIQ+ a través da creación literaria.
O concurso, organizado polo Atlantic Pride en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña a través do club de lectura QUEERuña, chega este ano á súa quinta edición. A proposta naceu coa vontade de unir cultura e activismo, ofrecendo un espazo para novas voces e historias arredor da diversidade.
As obras deberán estar escritas en galego, ser orixinais e inéditas, e non poderán ter sido publicadas nin total nin parcialmente en ningún formato, incluído Internet. A temática será libre, sempre que manteña unha vinculación coa realidade LGTBIQ+. Só se admitirá un texto por participante.
Os relatos deberán presentarse en formato PDF, en documento DIN A4, cunha extensión máxima de 10 páxinas, tipografía Times New Roman, tamaño 12, e interlineado 1. As bases completas e o formulario de inscrición están dispoñibles na web.
O xurado estará formado por integrantes do club de lectura QUEERuña, que valorarán a calidade literaria, a corrección gramatical, a orixinalidade e a presenza de personaxes e historias infrarrepresentadas dentro do espectro LGTBIQ+.
As obras gañadoras daranse a coñecer durante a sétima edición do Atlantic Pride, que se celebrará na Coruña do 5 ao 12 de xullo de 2026. Nese mesmo marco terá lugar a entrega dos premios, dotados con 600 euros para o primeiro galardón, 300 euros para o segundo e 100 euros para o terceiro.
O festival, coñecido como o 'Orgullo do Norte', volverá encher a cidade de música, diversidade e reivindicación cun cartel no que figuran artistas como Alba Reche, Julieta, Ricky Merino, Kika Lorace, Zahara, Azúcar Moreno, Soraya, María Isabel, Miriam Rodríguez ou Whigfield, ademais de talento galego e unha nova proposta dedicada ao drag local.