Últimas horas para inscribirse no XXV Aberto de Arteixo de Xadrez

ACoruñaXa
O prazo remata este domingo 19 de xullo para participar nun torneo que repartirá 2.500 euros en premios e abrirá as competicións das festas do Apóstolo
ARTEIXO xadrez trneo
18 Jul 2026

As persoas afeccionadas ao xadrez que queiran participar no XXV Aberto de Arteixo teñen ata este domingo 19 de xullo para formalizar a súa inscrición. O torneo, unha das citas deportivas máis consolidadas das festas do Apóstolo, celebrarase do 20 ao 25 de xullo no Centro Cívico de Vilarrodís.

A competición celebra este ano a súa vixésimo quinta edición e disputarase baixo o sistema suízo a sete roldas, con partidas de 90 minutos por xogador máis un incremento de 30 segundos por cada movemento.

O Aberto repartirá un total de 2.500 euros en 23 premios, ademais de trofeos nas diferentes categorías por idades. Ademais, o torneo será valedoiro para Elo FIDE e puntuable tanto para o XXXVII Circuíto Galego Internacional como para o X Circuíto Intercomarcal de Xadrez da Coruña.

A organización ofrece diferentes modalidades de inscrición, con tarifas adaptadas para xogadores sub-16, membros do Club Xadrez Arteixo, grupos e familias, mentres que os grandes mestres, mestres internacionais e convidados poderán participar sen custo.

O Concello de Arteixo e o Club Xadrez Arteixo animan aos xogadores interesados a non deixar pasar o prazo e a sumarse a unha competición que, tras 25 edicións, continúa sendo unha das referencias do calendario enxadrístico galego e un clásico das festas do Apóstolo.

0.12045884132385