Ultiman os preparativos para a mellora da accesbilidade entre a rolda de Outeiro e a praza Alcaldesa Berta Tapia

ACoruñaXa
As obras xa están adxudicadas e incluirán a creación dunha nova rampla que permitirá salvar o desnivel existente e, desta forma, facilitar o paso de persoas con mobilidade reducida
accesibilidade-outeiro-alcaldesa-berta-tapia
25 Jul 2026

O Concello daralle un novo pulo á primeira fase do Plan de Barrios 2025-27 con máis actuacións no barrio de Labañou, onde se acometerán melloras de accesibilidade na rúa que conecta a rolda de Outeiro e a praza Alcaldesa Berta Tapia, co obxectivo de facilitar o paso de persoas con mobilidade reducida.

A día de hoxe, este acceso está configurado por un treito de escaleiras que impide, precisamente, o tránsito de veciñas e veciños en cadeira de rodas, tamén a subida e baixada dos carriños das crianzas. Isto obriga, actualmente, a efectuar rodeos dunha distancia notable ata saír da praza, por exemplo, a través da rúa Mestre Anta. Agora, coa intervención que executará o Concello, daráselle resposta a esta necesidade formulada polas persoas que viven nos bloques residenciais da contorna.

Nos últimos meses, os servizos municipais estudaron todas as opcións viables, atendendo especialmente ao desnivel existente nesta rúa e á existencia de portais de vivendas que tamén se tiveron en conta á hora de remodelar este enclave, onde se construirá unha nova rampla de acceso entre a rolda de Outeiro e a praza, salvando así o desnivel actual.

As actuacións no acceso tamén prevén a instalación de varandas de aceiro inoxidable ao longo do percorrido da rampla; tamén a disposición de pavimentos diferenciados como baldosas podotáctiles, que axudan ao tránsito de persoas con visibilidade reducida e, ademais, formúlase o axardinamento dun pequeno espazo lindeiro á futura rampla.

A alcaldesa, Inés Rey, fixo fincapé na importancia desta medida para avanzar no plan de melloras de accesibilidade universal que se está a impulsar, de forma progresiva, nos dez distritos da cidade: "Adecuar o acceso á praza Alcaldesa Berta Tapia desde a rolda de Outeiro era unha actuación que tiñamos fixada e comprometida coa veciñanza, á que agradecemos a súa comprensión, paciencia e espírito de colaboración ao longo deste tempo de agarda".

As obras, adxudicadas días atrás á empresa López Quinteiro, contan cun prazo de execución de tres meses, a contabilizar desde a posta en marcha dos traballos.

0.10837411880493