Trump e Netanyahu arderán na gran falla de San Xoán de Bastiagueiro

GaliciaXa | ACoruñaXa
Oleiros repartirá leña gratuíta nas praias e prepara un amplo dispositivo de seguridade para unha das noites máis multitudinarias do ano
OLEIROS falla san xoan trump e nethanyahu
23 Jun 2026

Oleiros ultíma os preparativos para celebrar unha nova edición da noite de San Xoán, unha das citas máis multitudinarias do calendario festivo local, que terá o seu principal foco de atención na praia de Bastiagueiro coa tradicional gran falla organizada polo Concello.

A figura central da falla deste ano estará protagonizada polo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, e polo primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu. Segundo explicou o alcalde, Ángel García Seoane, a escenificación pretende representar unha crítica ás políticas impulsadas por ambos dirixentes no escenario internacional.

O acendido da falla está previsto para as 0.00 horas do 24 de xuño na praia de Bastiagueiro. Antes, segundo avanzou o rexedor, haberá diferentes intervencións e elementos sonoros que formarán parte da posta en escena da tradicional queima.

Para facilitar a celebración e evitar a utilización de materiais contaminantes ou perigosos, o Concello distribuirá leña de forma gratuíta desde as 20.00 horas en varios puntos do municipio. Os lugares habilitados serán os accesos á praia de Bastiagueiro, a caseta de socorrismo de Santa Cristina, a praza do Castelo de Santa Cruz e a zona do peirao de Mera.

Ademais, Policía Local, Garda Civil e o Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil desenvolverán un operativo especial para garantir a seguridade durante a celebración. Entre outras medidas, estará prohibida a queima de palés, sofás ou outros elementos que poidan conter cravos ou materiais perigosos, así como a introdución de vidro nos areais.

O Concello tamén lembra que as fogueiras nas praias non poderán instalarse antes das 20.00 horas e deberán estar completamente extinguidas antes das 4.00 horas da madrugada. A esa mesma hora deberán quedar desaloxados os areais para facilitar os traballos de limpeza.

A administración local insiste na importancia de respectar as normas de seguridade e convivencia para que a celebración poida desenvolverse sen incidentes. As persoas que solicitaron autorización para realizar fogueiras deberán cumprir as condicións establecidas e atender en todo momento ás indicacións dos servizos de emerxencia.

0.12377405166626