Tripla colleita de medallas para o KWON Betanzos no Open de España Xúnior de La Nucía

O KWON Betanzos pechou unha actuación sobresaliente en La Nucía cun balance de tres medallas no Open de España Xúnior. O equipo brigantino asinou unha xornada de gran nivel competitivo na Cidade Deportiva Camilo Cano, sede dun evento que reuniu competición en categorías cadete, xúnior e sénior dentro do Open Internacional de España de Taekwondo.
A gran protagonista foi Mencía Villar, que deu un paso máis na súa progresión e transformou a prata da pasada edición nunha medalla de ouro, ademais sen ceder ningún asalto. Xunto a ela, tamén lograron subir ao podio Antón Quintero e Paula Purriños, ambos con medalla de bronce, confirmando o bo momento do club betanceiro nunha das citas máis esixentes do calendario.
O balance do KWON Betanzos completouse cos quintos postos de Arianna Deibe e Adriana Naveiro. No caso desta última, o resultado deixou un sabor agridoce, xa que o combate que daba acceso ás semifinais resolveuse no último segundo do terceiro asalto. A expedición tamén deixou bos detalles noutros cruces, cun duelo directo en oitavos entre Ari e Lia, accións destacadas de Julia, unha boa imaxe de Saray ante a representante da selección galega e Sofía avanzando roldas nunha xornada intensa pero claramente positiva para o club.