Trinta estudantes da Coruña participarán este verán no programa Idiomas do Mundo en Irlanda
O Concello da Coruña vén de publicar a listaxe definitiva de persoas seleccionadas para participar na nova edición do programa municipal Idiomas do Mundo, unha iniciativa coa que o Goberno local ofrece á mocidade coruñesa a posibilidade de perfeccionar o seu dominio do inglés a través dunha experiencia de inmersión lingüística que, neste verán, terá lugar en Irlanda.
Durante un mes, un total de trinta estudantes (que cursaron o primeiro ano de Bacharelato en centros educativos da Coruña durante a pasada tempada escolar) terán a ocasión de desfrutar dunha estadía no país irlandés, entre os días 28 de xullo e 25 de agosto. Neste período, as e os rapaces participantes asistirán polas mañás a clases de perfeccionamento de inglés, mentres que polas tardes tomarán parte en actividades deportivas, culturais e lúdicas.
Neste sentido, a rapazada participará en excursións a localidades da súa contorna durante as fins de semana, aloxándose en domicilios particulares onde convivirán con familias irlandesas para, desta forma, profundar máis na aprendizaxe do inglés e no proceso inmersivo na cultura local.
O Concello destina un total de 150.000 euros a Idiomas do Mundo, asumindo entre un 70% e a totalidade do custo das prazas, en función dos ingresos das familias.
Hoxe, martes 2 de xullo, reunión informativa coas familias dos seleccionados
Co obxectivo de solucionar as posibles dúbidas das familias das e dos alumnos seleccionados, o Concello organizou para hoxe pola tarde unha reunión informativa no Centro Cívico Municipal de San Diego, que terá lugar ás 18.00 horas.
Cómpre lembrar que á reunión tamén poderán asistir as persoas interesadas que actualmente figuren na listaxe de agarda, en previsión de posibles cambios ou renuncias das e dos participantes seleccionados en primeira instancia.