Tres rúas de Miño renovarán o firme cun investimento de máis de 241.000 euros

ACoruñaXa
O Concello actuará en Barrosa, Carreira e Raxel para mellorar o pavimento, reforzar a estrutura da calzada e renovar a sinalización horizontal
MIÑO obras
28 May 2026

O Concello de Miño impulsará a reposición e rehabilitación do firme das rúas Barrosa, Carreira e Raxel, tres vías que forman un eixo continuo e que presentan actualmente un importante deterioro no pavimento.

A actuación contará cun investimento de 241.497 euros e terá como obxectivo mellorar o estado da calzada, reforzar a súa durabilidade e incrementar a seguridade viaria e peonil nesta contorna.

O proxecto contempla a renovación completa da capa de rodadura mediante o fresado do firme existente e a posterior reposición cunha nova capa de mestura bituminosa en quente. Esta intervención permitirá homoxeneizar o pavimento e corrixir os danos acumulados nestas rúas.

Nas zonas máis deterioradas, onde se detecta unha maior perda de capacidade estrutural, executarase unha reconstrución completa do firme con tres capas de aglomerado. Ademais, incorporarase unha xeomalla cun sistema antifisuras para mellorar a estabilidade do pavimento e prolongar a vida útil da actuación.

No resto da zona de gabias e no carril situado xunto ao aparcadoiro tamén se levará a cabo unha mellora estrutural, neste caso mediante dúas capas de aglomerado e a instalación dunha xeomalla. No resto do vial procederase á reposición da capa de rodadura para deixar o conxunto da vía nun estado uniforme.

As obras incluirán tamén a renovación da sinalización horizontal, que se realizará con pintura reflectante e microesferas de vidro, co fin de reforzar a visibilidade e a seguridade na circulación.

Desde o goberno local destacan que se trata dunha actuación necesaria para dar resposta ao mal estado actual destas rúas e mellorar tanto a funcionalidade do tráfico como os desprazamentos peonís na zona.

0.11706113815308