Tres obras optan aos premios do Certame de Narracións Breves 'Manuel Murguía'

ACoruñaXa
A entrega dos galardóns celebrarase o venres 8 de maio, ás 19.30 horas, no auditorio do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía de Arteixo
Centro Cívico Cultural de Arteixo Manuel Murguía
28 Apr 2026

O 35º Certame de Narracións Breves 'Manuel Murguía' de Arteixo xa ten obras finalistas. O xurado, reunido o pasado 12 de abril en dependencias municipais, decidiu por unanimidade seleccionar tres textos que optarán aos premios desta edición, cuxa orde definitiva se dará a coñecer durante a gala de entrega.

As obras finalistas son 'A comedia intelectual', presentada baixo o lema 'Olivia Ferrant' e con autoría de Iván García Campos; 'Frederick', presentada baixo o lema 'Tacuabé' e escrita por Brais Lamela Gómez; e 'Ópera prima de evolución tórpida', presentada baixo o lema 'Azulexa' e con autoría de Lucía Aldao Sánchez.

A cerimonia celebrarase o venres 8 de maio, ás 19.30 horas, no auditorio do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía. Durante o acto, o xurado fará unha valoración das obras premiadas e tamén da presente edición do certame, unha cita xa consolidada no calendario literario galego.

Os premios están dotados con 4.000 euros e a edición da obra para o primeiro clasificado, 2.000 euros e edición para o segundo, e 1.000 euros e edición para o terceiro.

A gala contará ademais coa participación da compañía de danza iXa, que presentará a obra 'Ollos cara adentro'. A proposta transformará o escenario nun espazo onírico e efémero a través dunha linguaxe surrealista que convidará ao público a explorar a conexión entre o mundo interior e o exterior.

0.12326598167419