Tres nadadores de Arteixo mergúllanse entre a elite no Campionato de España Absoluto

ACoruñaXa
Paula Otero, Mateo García e Miguel Ángel Gómez compiten en Palma de Mallorca nunha cita nacional que reúne aos mellores especialistas do país
ARTEIXO club natación
25 Jun 2026

O Club Natación Sarval Arteixo estará representado por tres deportistas no Campionato de España Absoluto P50 Open Trials Astralpool, que se celebra desde este xoves 25 ata o domingo 28 de xuño nas piscinas municipais de Son Hugo, en Palma de Mallorca.

Paula Otero, Mateo García e Miguel Ángel Gómez serán os tres nadadores do club arteixán que tomarán parte nunha das grandes citas do calendario estatal. A competición reúne aos mellores nadadores do país e serve tamén como escenario clave para definir clasificacións de cara ao Campionato de Europa.

Paula Otero e Mateo García competirán nas probas de fondo de estilo libre. Ambos teñen previsto nadar os 400 metros libres este xoves, os 1.500 metros libres o venres e os 800 metros libres o domingo. Pola súa banda, Miguel Ángel Gómez participará o venres nos 200 metros braza.

A presenza do Sarval Arteixo neste campionato supón un novo recoñecemento ao traballo desenvolvido polo club e polos seus deportistas absolutos, que afrontan a cita nun contexto de máxima esixencia competitiva. Para os tres nadadores, a participación en Palma representa unha oportunidade para medirse cos mellores especialistas nacionais e buscar as súas mellores marcas.

O Campionato de España Absoluto disputarase en piscina de 50 metros e contará con catro xornadas de competición. A cita de Son Hugo converterase estes días no epicentro da natación estatal, cun programa que inclúe probas individuais e finais nas diferentes especialidades.

Desde o club arteixán animan aos seus nadadores antes dunha competición de alto nivel na que Paula, Mateo e Miguel Ángel defenderán as cores do Sarval Arteixo entre a elite da natación española.

0.12180399894714