Tres días sen o 'scalextric' para avanzar nos accesos ao novo CHUAC

ACoruñaXa
A Xunta pechará a avenida da Pasaxe o 30 e 31 de marzo e o 1 de abril para demoler o viaduto e activará desvíos por Alfonso Molina, Matogrande e Casablanca, ademais de cambios no transporte interurbano
A CORUÑA chuac curva
19 Mar 2026

A conta atrás para unha das actuacións máis delicadas das obras do novo CHUAC xa está en marcha. A Xunta detallou os itinerarios alternativos que funcionarán durante o corte total da avenida da Pasaxe os días 30 e 31 de marzo e 1 de abril, tres xornadas nas que se acometerá a demolición do viaduto coñecido como 'scalextric'. O peche afectará a un treito duns 300 metros, entre a pasarela peonil fronte ao tanatorio Servisa e o Burger King, e suporá a desaparición temporal deste acceso ata a construción da nova estrutura.

A elección das datas non é casual. A Administración autonómica sostén que o derrubo se programou para o luns, martes e mércores da Semana Santa porque nese período, e sen transporte escolar, o tráfico na cidade adoita reducirse entre un 20 e un 25 por cento. Nos últimos meses, Xunta e Concello da Coruña mantiveron reunións técnicas con Mobilidade, Policía Local e outros organismos como a DGT, ADIF, Audasa, a Demarcación de Estradas do Estado ou a Autoridade Portuaria para preparar os desvíos e tratar de minimizar o impacto nun dos puntos máis sensibles da rede viaria coruñesa.

No caso dos vehículos que cheguen desde fóra da cidade, tanto pola glorieta da Ponte da Pasaxe como pola AP-9, o itinerario sinalizado levará por Alfonso Molina, coa saída cara ao Porto, a glorieta de Matogrande e a rotonda de Casablanca. Para quen proceda da área de Carballo e Arteixo, manterase o acceso habitual por Matogrande, o túnel de Eirís e Casablanca. Desde o interior da cidade, os condutores que entren pola glorieta da Casa do Mar serán desviados pola estrada do Porto ata Casablanca, aínda que tamén se habilitarán alternativas polas vías de servizo da Pasaxe, a glorieta dos Castros e o eixe formado por Monelos, Javier López López e Lamadosa.

O operativo afectará tamén ao transporte público interurbano. A Xunta manterá as paradas actuais e o funcionamento xeral das 442 expedicións que circulan nun día laborable pola zona, aínda que a parada da entrada do CHUAC desprazarase uns metros. Os autobuses terán que facer cambios de sentido e rodeos pola AC-12, Alfonso Molina, a AC-10 e Casablanca para salvar o corte. Unha vez rematada a demolición e reaberta a Pasaxe, o acceso ao hospital desde a glorieta da Ponte da Pasaxe pasará a facerse por Casablanca mentres continúe a reconstrución do novo viaduto.

Esta intervención forma parte da obra de mellora dos accesos ao novo CHUAC, un proxecto cun investimento global de 24,2 millóns de euros que inclúe unha sortella perimetral arredor do complexo hospitalario e a remodelación da conexión coa avenida da Pasaxe. A Xunta puxo xa en servizo en setembro de 2025 un vial provisional entre o hospital e a AC-10 para manter a operatividade do recinto durante os traballos.

0.12406706809998