Tres días de festa, música e carrilanas: San Paio de Bañobre xa ten programa para 2026

ACoruñaXa
As celebracións, do 22 ao 24 de agosto, combinarán actividades infantís, concertos, a III Baixada de Carrilanas e unha romaría popular con xantar e música en directo
1-abadin-carrilana2
6 Aug 2026

A conta atrás para as festas de San Paio de Bañobre xa comezou. A comisión organizadora, coa colaboración do Concello de Miño e da Deputación da Coruña, presentou o programa da edición de 2026, que se desenvolverá entre os días 22 e 24 de agosto cunha proposta pensada para todas as idades e na que non faltarán a música, as actividades infantís, a gastronomía e un dos eventos máis agardados do calendario festivo da comarca: a III Baixada de Carrilanas de Bañobre.

As celebracións arrancarán o sábado 22 cunha tarde dedicada aos máis pequenos. Desde as 18.00 horas haberá festa infantil con inchables, festa da escuma e merenda. Xa pola noite, a partir das 20.00 horas, o protagonismo será para a música rock, cun cartel formado polas bandas A Todo Que Sí!, Los Alcántara e Clandestinos Rock'n'Roll, que encherán de ambiente a primeira xornada festiva.

O domingo 23 celebrarase unha das citas máis singulares da programación: a III Baixada de Carrilanas de Bañobre, unha proba que continúa gañando seguidores edición tras edición e que reunirá a pilotos e afeccionados chegados de diferentes puntos de Galicia. A competición forma parte do calendario da Federación de Inercia e contará con sesións de adestramento pola mañá e coa carreira oficial a partir das 16.30 horas, ademais de premios para os participantes.

A xornada completarase cunha sesión vermú e unha gran verbena amenizada polo Dúo Maracuyá, que poñerá o broche musical ao domingo.

O programa concluirá o luns 24 coa tradicional romaría popular. Haberá misas ás 9.00, 11.00 e 13.00 horas, sendo esta última solemne e seguida da procesión. A partir das 15.00 horas celebrarase o xantar campestre, con servizo de mesa e un menú composto por empanada, polbo, churrasco con chourizo, patacas, ensalada, viño, refrescos, sobremesa, café e chupitos. O prezo será de 36 euros para persoas adultas e 18 euros para menores de 11 anos, con reserva previa ata o 19 de agosto.

A música volverá ser protagonista durante a tarde coa actuación de Xilo & Carlos e do cantante Melchor Rojo, que animarán o tardeo e a despedida das festas.

Con esta programación, Bañobre volverá converterse nun dos principais puntos de encontro festivos do municipio de Miño durante o mes de agosto, reunindo tradición, deporte, música e convivencia nunha celebración que cada ano suma máis participantes e visitantes.

0.14051198959351