Tres deportistas de Cambre competirán no Campionato de España de Agility

Cambre contará con representación no Campionato de España de Agility, que se celebra esta fin de semana en Arcos de la Frontera, na provincia de Cádiz. Os veciños Rodrigo García, Ainara Fernández e Xerome Pena desprazaranse ata esta localidade andaluza para participar na competición estatal, nas categorías infantil e xuvenil.
Os tres deportistas están vinculados ao Club de Agility CocoCan e afrontarán esta importante cita deportiva acompañados dos seus cans, cos que forman equipo nas probas. A súa participación é o resultado de meses de traballo, adestramentos e dedicación para preparar o campionato e chegar en boas condicións a unha competición na que estarán presentes deportistas doutras partes de España.
O agility é unha disciplina deportiva na que a coordinación entre o guía e o can resulta fundamental. Ambos deben traballar conxuntamente para completar os percorridos e superar os obstáculos, polo que a preparación require constancia, comunicación e confianza entre os integrantes de cada equipo.
Desde o Concello de Cambre quixeron destacar a participación dos tres mozos nesta competición e trasladarlles publicamente o seu apoio. A administración local tamén lles desexou sorte a Rodrigo, Ainara e Xerome, así como aos seus compañeiros de catro patas, nesta cita nacional.